Martín Seco esíxelle á Xunta que axilice a ampliación do Polígono de Bértoa en Carballo

O deputado socialista leva ao Parlamento as queixas dos propietarios do Polígono, decepcionados diante dos Orzamentos da Xunta para 2023 que deixan á marxe a execución da última fase de ampliación.

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe á Xunta que axilice a ampliación do Polígono de Bértoa, logo de constatar que a execución deste proxecto quedou fora dos Orzamentos para 2023. Seco levou á Comisión de Industria do Parlamento as queixas dos empresarios de Carballo, que tildan os Orzamentos da Xunta de “decepcionantes”.

O responsable socialista lembra que o goberno galego ten sobre a mesa a terceira e última fase de ampliación do Polígono, que sumaría 550.000 metros cadrados para evitar o colapso de solo industrial que está a vivir Carballo. A anterior ampliación remóntase ao ano 2010, pero o espazo quedouse pequeno e Carballo, dixo, precisa de máis chan industrial para non deixar pasar o empuxe empresarial do polo industrial Arteixo – A Laracha – Carballo.

Seco apunta que, tal e como sinalan os empresarios de Carballo, a previsión orzamentaria insuficiente, de 178.000 euros para a ampliación do polígono industrial e os 500.000 para a circunvalación, evidencian que ningún dos dous proxectos estarán en marcha no ano 2023.

Alerta de que “mentres o tempo pasa, Carballo e a comarca de Bergantiños perden oportunidades para a implantación de actividade económica e xeración de emprego” mentres o goberno galego “da largas”. Lembra que a Xunta ten anunciado dende 2021 a creación dunha mesa de seguimento desta terceira fase de ampliación do polígono, pero que “aínda non se ten reunido a pesares de que o proxecto supostamente está en redacción”.

Martín Seco lamenta o castigo ao que o goberno galego está a someter á comarca e a Carballo en particular, mantendo paralizada a circunvalación dende que fora proxectada polo goberno presidido polo socialista Touriño en 2009. Algo así sucede coa autoestrada A Coruña – Carballo, planificada para ser unha autovía pública e que o goberno do PP de Fraga privatizou “pola porta de atrás”, e agora a Xunta négase a liberar as peaxes.

 

Anterior
Anterior

Martín Seco responsabiliza ao desleixo da Xunta do “grave problema de saúde pública” pola contaminación do pantano da Conchas

Siguiente
Siguiente

Martín Seco empraza á Xunta a “espertar” e “poñer toda a carne no asador” para activar un plan de acción industrial para superar o retraso económico dos 13 anos de xestión do PP