Martín Seco denuncia que o PP quere forzar a entrada no Consello Agrario dunha asociación afín liderada polos herdeiros da disolta ASAJA, presidida polo condenado Pérez Miramontes
O portavoz de Gandería e Agricultura socialista acusa ao PP de “romper as regras de xogo” cunha modificación legal incorporada “pola porta de atrás” a través da Lei de Acompañamento.
O portavoz de Gandería e Agricultura do Grupo socialista, Martín Seco, denunciou que o PP quere modificar a Lei que regula o Consello Agrario de Galicia para darlle entrada “pola porta de atrás” á asociación afín herdeira de Asaja. Aquela organización foi disolta en 2016 por quebra económica, e o seu líder, Juan Pérez Miramontes, foi condenado por fraude a Seguridade Social e estivo 6 meses en prisión por trata de mulleres.
O responsable socialista acusou ao PP de “romper coas regras do xogo” empregando unha táctica “sonroxante” de modificar a Lei a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2024 “co único obxectivo de beneficiar aos herdeiros da organización de Pérez Miramontes”, que antes se chamaba Asaja e agora denomínase Asaga.
Coa modificación introducida polo goberno galego, o Consello Agrario pasará de ter 12 vogais das organizacións máis representativas a só 8, ademais de outros 4 para a asociación con maior número de representantes nas últimas eleccións aos Consellos Reguladores de Galicia. Denuncia que a Xunta quere modificar ad hoc a representatividade do sector agrario “sen pasar por unhas eleccións democráticas” co fin de forzar a representatividade dos seus socios da antiga Asaja.
Esíxelle ao presidente da Xunta que explique no Parlamento a súa vinculación con esta organización despois do trato de favor que lle da aos seus herdeiros por vía da Lei de Acompañamento. Lembra que a antiga Asaja fora disolta en 2016 por quebra económica, ademais de que o seu líder, Juan Pérez Miramontes, foi condenado a 6 meses de prisión e a devolver 655.000 euros por fraude á Seguridade Social entre 2012 e 2015.
Advirte que Pérez Miramontes, que “fora fotografado en varias ocasións navegando co expresidente do goberno Mariano Rajoy”, ten outra causa aberta pola que estivo 6 meses en prisión en relación cunha rede de trata de mulleres con fins de explotación sexual.