Martín Seco denuncia que a Xunta deixa sen axudas a máis de 40 gandeiros mozos que cumpren cos requisitos

O deputado socialista alerta do “desastre de xestión” de Medio Rural, que deixa tamén sen axudas a produtores de gandería ecolóxica, aos plans de mellora e ás pequenas explotacións malia que compren cos requisitos.

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Marín Seco, denunciou hoxe no Parlamento que a Consellería do Medio Rural deixou sen axudas á incorporación de xóvenes ao rural a 43 mozos e mozas gandeiros que cumprían cos requisitos. O responsable socialista acusou ao PP de “buscar desculpas para darlles as costas” a estes mozos e mozas, ao rexeitar a iniciativa que presentou hoxe en Comisión para ampliar esta liña de axudas.

O responsable socialista denunciou o “desastre de xestión e de planificación” por parte de Medio Rural, que suma este “espectáculo” ao que veñen de ofrecer coas axudas aos produtores en ecolóxico, que deixou fora a máis da metade dos solicitantes tamén pola falla de previsión. Subliñou que o mesmo sucede con 104 gandeiros que quedaron fora dos plans de mellora e un total de 25 que non puideron acceder ás axudas ás pequenas explotacións.

Seco lembra que estas axudas corresponden na súa maior parte a fondos europeos, que o goberno galego se demostra “incapaz” de xestionar. Censura que, “no canto de comunicarlle o erro de cálculo á Comisión Europea” e poñer en marcha os mecanismos necesarios para indemnizar aos produtores, o goberno galego opta por acusar da súa propia incapacidade aos produtores, ás organizacións agrarias e ata ao Consello Regulador”.

Criticou que “ademais de non poñer fondos propios para axudar aos produtores agrarios, cando vemos como as administracións europea e central puxeron fondos dos seus orzamentos para o sector agrario”, vemos como son “incapaces de xestionar ben os fondos que chegan de Europa”.

Advertiu que a Consellería do Medio Rural está a demostrar que “non están á altura” do reto que teñen diante para loitar contra o despoboamento e o abandono do rural. E así nunha Galicia, explicou, que na primeira década do século viu como quedaban abandonadas máis de 37.000 explotacións agrarias, perdendo máis de 250.000 hectáreas de superficie agraria útil, nun país con máis de 2.000 núcleos abandonados e máis de 10.000 aldeas con menos de 10 veciños.

Anterior
Anterior

O Partido Popular rexeita as demandas presentadas polo deputado Martín Seco para a mellora e ampliación do Porto de Malpica

Siguiente
Siguiente

Martín Seco esixe o cese do director xeral de Gandaría pola mala xestión dos fondos para os produtores ecolóxicos