Martín Seco cualifica a Lei de Calidade Alimentaria como "simple propaganda electoral"
O deputado socialista acusa ao goberno popular de presentar unha lei en vésperas da convocatoria dos comicios autonómicos que, ademais, "non achega nada novo" ao sector alimentario e só adapta a lexislación ás novas regulacións europea e estatal.
”Este é un goberno sen batuta que leva anos actuando con preguiza e sen o compás e a harmonía que necesita Galicia para afrontar os retos de futuro”
O portavoz de Gandería e Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a aprobación da Lei de Calidade Alimentaria de “simple propaganda electoral”.
Para Seco esta ponencia de lei “semellou dende un principio que tiña como único obxectivo estar lista para poder aprobala no derradeiro pleno deste período de sesións e non para facer a mellor lei posible para o sector alimentario de Galicia”.
O socialista resaltou a prisa do “aínda presidente Rueda” para aprobar esta lei “por orde directa de Génova para convocar eleccións con urxencia” e simplemente para “vender algo nunha manoseada televisión galega” ao tempo que sinalaba a falta de dirección e folla de ruta do goberno do Partido Popular. ”Un goberno sen batuta que leva anos actuando con preguiza e sen o compás e a harmonía que necesita Galicia para afrontar os retos de futuro”.
Seco argumentou tamén que esta lei non aporta “nada novo que poida darlle pulo ao sector alimentario” máis aló de transposición de normativa de ámbitos superiores, “Algo que se podía ter feito cunha simple reforma da lei que tiñamos en vigor” explicaba o deputado socialista. “Unha lei do 2005 que tivo que esperar 14 anos para o seu desenvolvemento en productos artesáns porque o Partido Popular nunca tivo interese en aplicala”.
Por outra banda o voceiro socialista de gandería e agricultura argumentaba que o proxecto de lei “naceu xa cunha eiva importante”, sen un estudo da situación actual da lei en vigor que tratara de paliar os erros e dificultades da súa aplicación, e dar impulso aos Consellos Reguladores e entidades intermedias de certificación e control.
DATOS PREOCUPANTES NO SECTOR ALIMENTARIO
Según os socialistas os datos amosan que o sector alimentario galego reduciu a súa importancia macroeconómica ao longo das tres últimas décadas na producción de materias primas pero mantendo un desenvolvemento limitado na industria transformadora. No ano 2015 a industria agroalimentaria galega aportaba o 36% do valor engadido bruto no sector, unha porcentaxe similar á de 2008, mentres en España se superaba o 50% e nos países máis avanzados da Unión Europea este índice chegaba aos dous terzos, según sinalaba o voceiro socialista
Tamén incidía en que os datos da balanza comercial alimentaria en Galicia van a menos. “Se no ano 2020 tiñamos un saldo negativo duns 600 millóns de euros, en anos posteriores este saldo non mellorou, acadando en 2022 un saldo negativo de 1.100 millóns de euros” e engadía que nos primeiros seis meses deste ano o saldo negativo era de 266 millóns de euros.
“Mentres esto acontece, a consellería de Medio Rural malgasta fondos en política publicitaria, en cemento e nunha cantidade inxente de contratacións sen publicidade nin concorrencia competitiva” recalcaba Seco, e insistía nos millóns de euros gastados e por gastar no recentemente adiado Espello do Rural Galego en Sergude