Martín Seco acusa á Xunta de “deixar morrer” a homologación do Camiño dos Faros
O deputado socialista lamenta que deixen de lado a posta en valor do interese natural, patrimonial e paisaxístico dos 9 concellos polos que discorre para primar o “mero uso economicista dalgún amigo do goberno galego”.
O parlamentario socialista Martín Seco acusou ao goberno galego de “deixar morrer” a homologación do Camiño dos Faros, que percorre 9 concellos da Costa da Morte e Bergantiños e que hoxe mobiliza ata 20.000 visitas anuais. Seco criticou que a Xunta teña paralizada esta homologación dende hai máis de 3 anos, que mesmo respaldaran aprobando unha iniciativa parlamentaria en 2020.
O responsable socialista lamenta que o goberno galego prefira deixar esmorecer a iniciativa para “modificala ao seu antollo de costas á asociación do Camiño dos Faros e aos concellos implicados, deixando de lado a posta en valor do alto interese natural, patrimonial e paisaxístico das comarcas en favor do “mero uso economicista dalgún amigo do goberno galego”.
Alertou que mentres o goberno galego mira para outro lado e mantén paralizada a homologación da ruta, “perdemos oportunidades, e mentres outros lugares e outras rutas xogan na champions league do sendeirismo, a Xunta prefire xogar en Segunda División”. Así o dixo antes de sinalar que a día de hoxe “nin tan sequera se puxeron en contacto cos alcaldes afectados para ver como comezar a facer as reunións da mesa de implicados para conseguir a homologación”.
Seco reclamoulle ao goberno galego que cumpra co acordo parlamentario aprobado en decembro de 2020 para desbloquear a dita homologación. Daquela, a Cámara autonómica reclamáballe á Xunta de Galicia a constitución dunha Mesa de traballo integrada polo Executivo, a Deputación, os alcaldes dos 9 concellos, a asociación de turismo Costa da Morte, a Asociación Camiño dos Faros e a Federación Galega de Montañismo”.
Outras promocións
A pesares das boas intencións plasmadas polos grupos parlamentarios, o goberno galego continúa sen convocar a dita Mesa de traballo, segue sen poñerse en contacto coa asociación nin cos alcaldes e está a intentar desnaturalizar a iniciativa. Lamentou que “a máxima responsable da Xunta en materia de Turismo non ten tempo para xuntar a mesa pero si para ir facer outras promocións turísticas, demostrando que a Xunta quere “saca adiante a súa ruta dos faros”.
Desafiou á secretaria xeral de Turismo que “lle diga a verdade aos cidadáns dende Malpica ata Fisterra, dígalles que a Xunta de Galicia queren apropiarse dunha iniciativa de éxito mundial para diluíla nun proxecto xeral por toda Galicia poñendo en risco o futuro desta ruta”. Seco apostou por “un camiño dos faros tal e como está configurado actualmente, e non diluílo noutro tipo de proxecto que utilicen algúns intereses empresariais para beneficio dos amigos do goberno galego”.