O PSOE de Arteixo propón a construción de parques infantís cubertos para garantir o seu uso durante todo o ano

O Grupo Municipal Socialista levará a moción ao próximo pleno, xunto a outra iniciativa para declarar o Concello de Arteixo como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ.

A instalación de cubertas en parques

A instalación de cubertas en parques

A experiencia demostra que os espazos cubertos para o lecer teñen moi boa acollida entre a veciñanza de Arteixo, particularmente entre a infancia e a mocidade. No ano 2017, a Deputación da Coruña financiou a construción da cuberta do Campo da Festa e a instalación converteuse dende entón nun lugar utilizado de forma intensiva para celebrar reunións ou practicar deporte. Atendendo ao éxito desta iniciativa, o Grupo Municipal Socialista vai presentar unha moción, no próximo pleno, para que o goberno municipal inclúa nos orzamentos de 2022 unha partida para dotar dunha cuberta a algún dos parques infantís da localidade e garantir deste modo o seu uso ao longo de todo con independencia das condicións meteorolóxicas.

O portavoz socialista no Concello, Simón López, cre que a instalación desta cuberta “podería acometerse a modo de experiencia piloto e se a acollida e boa, nos próximos anos habería que ir consignando partidas orzamentarias para seguir cubrindo parques alí onde exista demanda”. Sinala que en 2015 a cidade de Vitoria foi unha das primeiras en instalar unha carpa nun parque infantil xa existentes, unha iniciativa que dende entón empezaron a adaptar outros moitos consistorios e que “en Galicia, atendendo á nosa peculiar climatoloxía, estaría plenamente xustificada”.

 

Protección dos dereitos LGTBIQ

Esta é só unha das medidas que o PSdeG-PSOE vai levar ao Pleno de Arteixo do mes de xullo, onde se vai debater tamén unha moción relativa á protección do colectivo LGTBIQ, en resposta ao aumento das agresións e incidentes denunciados polo Observatorio contra a Homofobia e a condena unánime da sociedade arteixá a raíz dos acontecementos rexistrados recentemente na nosa contorna máis inmediata. Dende o Grupo Municipal vaise instar á corporación a declarar o Concello de Arteixo como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ e a reforzar o compromiso coas políticas publicas para defender os dereitos deste colectivo.

Anterior
Anterior

O Pleno aproba por unanimidade a nosa proposta de cubrir algún dos parques do Concello, como experiencia piloto

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE de Arteixo aplaude que o goberno municipal adopte medidas que “forman parte do noso programa”