Os socialistas de Arteixo reclaman solucións urxentes para evitar as inundacións no barrio de Santaia de Arriba
A veciñanza de Santaia denuncia que un ano despois segue a sufrir asolagamento nas súas propiedades que tamén afectan ao viario público
O grupo municipal socialista de Arteixo ven de reclamar ao goberno local as actuacións necesarias para evitar as inundacións que sofre a veciñanza de Santaia de Arriba e na estrada municipal que cruza ese barrio arteixán.
O portavoz socialista, Martín Seco, recorda que no pleno de novembro de 2023 se aprobaba por unanimidade de toda a corporación unha moción presentada polos tres grupos da oposición na que se lle pedía ao goberno local unha solución “urxente” para que os veciños de Santaia de Arriba deixaran de sufrir inundacións nas súas vivendas procedentes do aumento do caudal do leito do Rego da Ranqueira e que se realizaran as obras oportunas para solucionar “un problema que leva anos sendo visible”.
Despois dun ano, a veciñanza de Santaia segue a sufrir inundacións nas súas propiedades que tamén afectan ao viario público pero “continúan sen ter novas do goberno local” explica Seco. “Coa últimas choivas, o terreo veu abaixo asolagando as vivendas e ocupando a estrada, o que puido causar un grave accidente” engade o concelleiro socialista.
Os socialistas indican que as actuacións para evitar as inundacións deberán ser “urxentes e prioritarias”, e que unha vez solucionado ese gran problema, “sería necesario que o concello tivese preparado un proxecto para ampliar o camiño na parte que non quedou tan ancho como o xa amañado polo goberno local con anterioridade”.