Os socialistas de Arteixo piden que a Xunta asuma a súa responsabilidade na xestión do xabarín sen sobrecargar de custes aos concellos.
O grupo municipal socialista pedirá a formación dunha mesa de traballo coa FEGAMP para establecer un protocolo de actuación nestes casos e poñer medios materiais e humanos da administración autonómica a disposición dos concellos.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará un moción no pleno de setembro para que a corporación local inste ao goberno galego a asumir a responsabilidade da presencia do xabarín en territorio urbano e forme unha mesa de traballo coa FEGAMP para establecer un protocolo de actuación poñendo a disposición dos concellos os medios materiais e humanos da administración autonómica.
Os socialistas arteixáns sinalan o gran aumento do número de xabarís derivado da mala xestión do goberno galego, que provoca a presenza de grupos destes animais camiñando polas rúas de cidades e pobos, producindo danos en infraestruturas e xerando un problema de seguridade polo risco potencial que corre a poboación ante un ataque de un animal destas características.
“Arteixo non é alleo a dita situación e podemos observar como nos núcleos de Meicende e Pastoriza camiñan sen control un grupo de xabarís dende fai meses” explica a portavoz do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, pero non existe ningún mecanismo pactado entre os concellos e o goberno galego para facerlle fronte á presencia destes animais en territorio urbano e “sería desexable que a Xunta asumise a súa responsabilidade” por non ter xestionado dita especie e as competencias que ten con respecto a fauna silvestre sen cargar de novos custes aos concellos, que xa soportan multitude de gastos derivados de competencias impropias que a Xunta debera financiar e que en moitos casos compromete a suficiencia económica de concellos pequenos.
Esta semana o alcalde de Arteixo anunciaba un acordo coa Xunta de Galicia para establecer un protocolo co que facerlle fronte á presenza do xabarín, pero os socialistas denuncian que segundo a información comunicada, será o concello o que xestione os animais atrapados en gaiolas a cargo dos orzamentos municipais, “algo sorprendente para un goberno local que sempre presume de ser esixente con outras administracións”.
Boedo denuncia que esa é “unha esixencia que o alcalde de Arteixo só exerce cando hai que reclamar a administracións que non están gobernadas polo PP, porque cando hai problemas nos colexios públicos, no centro de saúde, no parque de bombeiros, etc..., que son competencia autonómica, o concello asume uns custes que non deberan ser financiados sen rechistar”.
Os socialistas arteixáns indican que a administración autonómica ten a súa disposición numeroso persoal especializado na materia e material para facerlle fronte, polo que debera de asumir a xestión da presenza do xabarín nas rúas, establecendo un protocolo pactado cos concellos de Galicia, onde se estableza como se comunica a aparición de grupos de xabarís en zona urbana, quen se encarga de capturalos, e como se retiran as unidades capturadas e se fai cargo dos seus corpos, aproveitando o persoal da Xunta de Galicia.