Os socialistas de Arteixo denuncian que non se pode gobernar Arteixo a golpe de improvisación nos seis últimos meses de mandato.
Patricia Boedo: “Hai que atender ás necesidades das parroquias ao tempo que hai que ter un plan que defina o Arteixo do futuro”
Os socialistas arteixáns continuaron hoxe a súa campaña para explicar o seu programa de goberno no Alto de Arteixo. onde a candidata socialista, Patricia Boedo, sinalou a importancia de ter un documento programático que inclúa medidas concretas para cada parroquia pero tamén un programa de goberno para o conxunto do concello que “defina o Arteixo do futuro”.
“Os socialistas queremos un Arteixo que sexa a referencia na comarca en emprego, en industria, en servizos sociais, en educación, en cultura, en tecnoloxía... e iso non se consigue sin planificación, a golpe de obras nos últimos seis meses de mandato” afirmaba Boedo.
No Alto de Arteixo, a candidata socialista comprometeuse a desenvolver un plan de humanización e seguridade viaria para a zona, melloras de beirrúas e accesos, máis zonas de lecer para nenos e maiores, e puntos de conexión wifi gratuitos, “porque non podemos deixar atrás a ninguén por unha falla de acceso á tecnoloxía” sinalou Boedo.
“Queremos un Arteixo que poña a mirada na xente, así que dinamizaremos o Centro Social do Alto de Arteixo” con novas actividades, porque “de nada valen os edificios sen contido para as persoas” engadiu a candidata socialista.
Patricia Boedo tamén sinalou que “levamos moitos anos escoitando promesas que non se cumpren, vendo proxectos que quedan no caixón, incluso algunha das nosas propostas aprobadas en pleno” pero que nunca se chegan a executar. “As promesas de Calvelo lévaas o vento, porque nin sequera coñecemos o seu programa de goberno máis aló de dúas ou tres propostas só para algunhas parroquias, nin dos 12 anos anteriores nin para os vindeiros catro anos” dixo Boedo. “A veciñanza de Arteixo non merece este grado de improvisación para a xestión de 70 millóns de euros”
Os socialistas de Arteixo teñen planificado para mañá sábado 20 de maio dous actos de campaña: ás 18.00 no local do clube de fútbol do Rañal e ás 21:00 no Centro Social de Rañobre.