Os socialistas de Arteixo denuncian a falla de planificación e os bandazos do goberno de Calvelo para a urbanización da rúa A Cachada e a rúa Baños e a súa zona verde
Patricia Boedo: “Preguntámonos como se pode planificar un desenvolvemento urbanístico de máis de 600.000 euros e non saber unha vez finalizado como vai a quedar a mobilidade e que uso terá a zona verde”
A voceira do grupo municipal socialista de Arteixo, Patricia Boedo, preguntaralle no vindeiro pleno municipal ao goberno do Partido Popular pola situación na que se atopa o plan de mobilidade do concello de Arteixo e como pode proxectarse o desenvolvemento urbanístico da unidade 8, realizar unha obra de máis de 600.000 euros e ir modificando sobre a marcha a circulación dos vehículos e o uso da zona verde, “sen que nin o propio goberno local saiba para que vai a ser utilizado a día de hoxe”.
O goberno local de Arteixo anunciaba en maio de 2021 este desenvolvemento urbanístico que suporía a apertura dunha nova rúa de doble sentido e aparcamento en ambos lados así como a ampliación da rúa Baños con dobre sentido de circulación. No proxecto tamén se establecía a construción dunha zona verde, unha parcela de disposición municipal e a creación de 131 novas prazas de aparcamento.
Os socialistas arteixáns sinalan que durante as obras se pintaron unhas “supostas prazas de aparcamento na “zona verde” que en realidade é unha explanada de adoquíns”, explica Boedo, e as dúas rúas pasaban a ser de dobre sentido e con aparcamento a un só lado da circulación. Pero no momento do pintado da vía eliminouse o dobre sentido de circulación en ambas rúas, sinalizando aparcamento nun dos sentidos de circulación e non se finalizaba o pintado de prazas de aparcamento na “zona verde.
“Os socialistas preguntámonos cal é o estudio de tráfico e como encaixa esto no plan de mobilidade do concello” engade Patricia Boedo e demandan saber cales son as necesidades que estimaba o goberno local para a nova zona verde, “se era unha zona de lecer ou un aparcamento”. Para a voceira socialista “Arteixo non se pode permitir esta falla absoluta de planificación e bandazos do goberno local que actúa a golpe de ocurrencia e dase conta no derradeiro momento que no entronque da nova rúa e a rúa Baños confluirían ata 8 carrís de circulación e ten que tomar medidas sobre a marcha, inclumplindo o que redactaron no propio proxecto”
Para os socialistas é “esencial a planificación de novas zonas de aparcamento no centro do noso concello” e preguntarán onde están “esas 131 novas prazas planificadas”, tendo en conta que a parcela sen urbanizar xa era utilizada como aparcamento e tamén pedirán explicacións de para que sirve esa nova explanada de adoquíns, “que en inverno coas inclemencias metereolóxicas pouco uso terá e no verán será un lugar onde non se aguante ao sol”.