O PSOE insta ao goberno local a solicitar á Xunta unha residencia de maiores para a zona norte de Arteixo
A única residencia do concello, construída pola Fundación Amancio Ortega, non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo e os socialistas solicitan ao grupo de goberno que Inicie os trámites urbanísticos para poñer a disposición unha parcela axeitada así como a súa capacidade investidora.
O grupo municipal socialista de Arteixo leva a pleno unha moción na que instan ao goberno local a construír unha nova residencia de maiores na zona norte do concello para cubrir a demanda real existente en Arteixo.
A portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Ana Cedeira, explica que “tivemos que esperar demasiados anos para ter a primeira residencia de maiores e centro de día públicos. Unha residencia que finalmente chegou por unha iniciativa desinteresada da Fundación Amancio Ortega que levou a cabo a súa construción nunha parcela cedida polo concello sen que a Xunta de Galicia, administración competente nesta materia fixese nada ata o día de hoxe”.
Os socialistas expoñen que a residencia construída pola Fundación Amancio Ortega non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo, que xera unha lista de agarda importante, o traslado dos solicitantes a poboacións lonxanas ou pagar residencias privadas a prezos inasumibles para moitas familias.
“Arteixo é un concello con forte capacidade de investimento e un orzamento elevado que o goberno local debe utilizar para dar calidade de vida á nosa veciñanza” argumentan os socialistas arteixáns e indican que na planificación municipal debe ser prioritario “o benestar dos nosos maiores, a súa atención sanitaria, a mobilidade e seguridade no noso rural así comoa comunicación desta cos entornos urbanos e espazos de lecer”.
Pero sobre todo, incide Cedeira, “a atención a aqueles que necesitan da administración para a súa vida diaria”, como un bo servizo de axuda no fogar e prazas suficientes en residencias e centros de día para quen o precisa. “Haberá que recordarlle ao alcalde ás súas palabras no pleno de composición da actual corporación en xuño de 2023” engade a voceira socialista, cando dixo que a súa xestión “pivotaría sobre a acción social, as infraestuturas, a promoción económica e a gobernanza”, e que “as posibilidades de Arteixo eran ilimitadas”. “É o momento de escoitar aos moitos veciños e veciñas de Arteixo que están a recoller firmas pedindo esta residencia e cumprir esas promesas.”
O PSdeG-PSOE de Arteixo incluía no seu programa electoral a construción dunha nova residencia de maiores na parte norte do concello e Ana Cedeira insiste en que “esta debera de ser unha das actuacións prioritarias para o goberno local” polo que o goberno municipal debe instar á Xunta de Galicia” que é quen ten as competencias na materia para facelo”, a facer esta infraestrutura tan necesaria “que non pode esperar máis”, ou facela con fondos propios, “que os ten” sinala a concelleira socialista.