O PSOE de Arteixo solicita o arranxo urxente do firme na Choupana
Os socialistas denuncian que o goberno local segue sen contestar ás peticións da veciñanza da zona
O grupo municipal socialista de Arteixo solicita ao goberno local que atenda as peticións da veciñanza das vivendas situadas na Travesía de Pastoriza nos números do 21 ao 27 na Choupana para que faga un asfaltado en condicións do firme desa vía.
Os socialistas arteixáns afirman que a veciñanza leva tempo solicitando ao concello o arranxo do firme deste entorno “que se atopa en moi mal estado”, pero que continúan “sen contestación por parte do goberno local”.
O portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Martín Seco, sinala que “esta subida da acceso a moitas vivendas” e tamén a fincas situadas máis arriba polo que “é urxente un bo asfaltado para dar seguridade á veciñanza nunha vía que non foi nunca asfaltada en condicións dende a súa apertura”.
Seco explica que o grupo socialista comunicou xa esta situación na reunión da Xunta de Voceiros o mércores 18 de setembro e pediu o seu arranxo, “aproveitando que o concello está a realizar obras alí coas canalizacións de auga/saneamento e parcheado posteriormente o firme”.