O PSOE de Arteixo presenta alegacións ao proxecto do parque eólico de Pedra Queimada pola súa proximidade aos núcleos de poboación de Monteagudo
Os socialistas tamén presentaron alegacións ao parque eólico de Monteagudo pola súa afección ao apreciado entorno natural de Caión e inclúen a petición da retirada definitiva dos proxectos pola incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na súa área de afección e a falla de licencia social
Os socialistas de Arteixo veñen de presentar diante da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación as súas alegacións ao proxecto do parque eólico de Pedra Queimada pedindo e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licencia social.
No documento de alegacións, os socialistas solicitan que se sometan a exposición pública de forma conxunta a documentación ambiental do proxecto do parque eólico Pedra Queimada, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo e do proxecto do parque eólico Monteagudo, xa que comparten infraestruturas comúns, ámbito xeográfico e promotora (Acciona).
Outras das alegacións ao proxecto refírense a afección severa e prexuizos irreversibles para as Áreas de Interés Paisaxístico sobre todo nun entorno tan apreciado como o de Caión, tanto no seu porto, o paseo marítimos, as praias ou a capela dos Milagres, entre outros, ao que hai que engadir a afección severa ás familias que viven, residen ou traballan nos núcleos rurais afectados como o de A Cachada en Monteagudo, con impacto sobre a saúde humana.
O PSdeG-PSOE de Arteixo insta a someter a exposición pública a documentación ambiental do proxecto eólico no seu conxunto, incluída a liña de evacuación e demais infraestruturas asociadas de conexión, para non diluír ou reducir os impactos do conxunto e así facilitar a participación da cidadanía na análise dos impactos globais, sobre todo cara a analizar o impacto paisaxístico e garantir a existencia de corredores ecolóxicos.
Tralo estudo en profundidade do proxecto, o Grupo Municipal Socialista considera que se incumpren normativas europeas, españolas e galegas xerando indefensión na cidadanía.