O PSOE de Arteixo pide axilidade para a execución do Paseo Fluvial de Vilarrodís
Simón López considera que o proxecto debe ser prioritario para o goberno municipal e agarda que as obras “non pasen a formar parte da longa lista de promesas incumpridas do PP de Carlos Calvelo”.
No pasado mes de novembro, o goberno municipal de Arteixo anunciou o inicio dos trámites para licitar as obras do Paseo Fluvial de Vilarrodís. O proxecto, que responde a unha demanda histórica da veciñanza, acumula varios anos de demora dende agosto de 2018, cando a Xunta autorizou a expropiación dos terreos, e o PSdeG-PSOE considera que a construción desta infraestrutura debe ser unha prioridade para o goberno municipal. O portavoz socialista na corporación municipal, Simón López, cre que “o Concello ten unha débeda histórica” con este núcleo e considera que “chegou o momento de solucionar a carencia de áreas de esparexemento nunha das zonas con maior densidade de poboación de Arteixo”.
En opinión de Simón López, a construción da nova senda pola beira do rego das Teixueiras e a súa conexión coa área recreativa de Seixedo “non beneficiará só á xente de Vilarrodís, senón á veciñanza de todo o concello”. Nunha visita á zona, acompañado varios representantes do Grupo Municipal Socialista, expresou a súa preocupación ante a “falta de dilixencia” do goberno e anunciou que van reforzar a presión sobre o goberno para que se axilicen os trámites. “Non queremos que este proxecto pase a engrosar a longa lista de promesas incumpridas de Carlos Calvelo durante 12 anos de maiorías absolutas do PP”, indicou López.
Obras pendentes
O PSdeG-PSOE reclama “un maior compromiso con Vilarrodís” e o portavoz socialista considera que, xunto á construción do paseo fluvial, será preciso afrontar outras obras pendentes dende hai anos. Neste sentido, lembrou que “a veciñanza segue agardando pola mellora dos accesos á escola infantil e a construción do novo centro cívico”, pero reclama un proxecto “máis ambicioso” para o conxunto do núcleo urbano, onde se contemple a humanización da Avenida Manuel Platas Varela e a mellora integral da seguridade viaria.