O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a solicitar á Xunta a cesión da parcela completa da edificación ocupada no polígono da Artística

O grupo municipal socialista argumenta que o propio Director Xeral de Defensa do Monte abría a porta a unha posible cesión aos concellos de Arteixo ou A Coruña se fose solicitada

O grupo municipal socialista de Arteixo insta ao goberno local a solicitar á Xunta de Galicia a cesión da parcela completa da edificación ocupada no polígono da Artística para darlle utilidade municipal nun concello que ten un “certo déficit de instalacións propias”.

No mes de setembro os socialistas denunciaban a ocupación da vivenda nunha parcela do polígono da Artística propiedade da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia na que a veciñanza de Meicende revelaba que se estaban a producir actividades ilícitas.

O concelleiro socialista Fernando Vázquez recorda que o núcleo de Meicende padece os efectos de existencia de puntos de venta de estupefacientes que afectan á seguridade e convivencia da súa veciñanza, tal como xa ten denunciado o grupo socialista, e insiste que “os habitantes dos barrios das Eiras e O Petón están fartos desta situación e denuncian día tras día o que están a vivir as súas familias”.

O deputado socialista Martín Seco presentaba tamén unha pregunta oral e unha proposición non de lei na Comisión 7ª do Parlamento para que se investigara a situación da parcela, á que o  Director Xeral de Defensa do Monte, respostaba que a ocupación fora denunciada e tiña xuízo fixado pero que o Goberno galego non tiña a previsión para arranxar a edificación e a nave industrial en mal estado desa parcela, e que pasara a formar parte do patrimonio da administración galega para ser vendida posteriormente.

Nesa mesma comparecencia o director xeral abría a porta  a unha “posible cesión” aos concellos de Arteixo ou A Coruña, “se fose solicitada”,  polo que o grupo municipal socialista  considera que o goberno local de Arteixo debería estudar esta posibilidade xa que a edificación podería ter utilidade para “un concello que ten un certo déficit de instalacións propias”.

Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo demandan un cambio no sistema de axudas para comedores escolares

Siguiente
Siguiente

Boletín de noticias #SocialistasArteixo Nº 15