O PSOE de Arteixo insiste na necesidade de reparar a subida a Santa Leocadia

O goberno do PP comprometeuse a executar a obra hai un ano, tralas reclamacións do Grupo Municipal Socialista, pero a vía segue deteriorándose á espera de que comecen os traballos.

Fochancas na subida a Santa Leocadia.

O deterioro da estrada de subida a Santa Leocadia é evidente. A propia enxeñeira municipal advertiu, en maio de 2021, sobre a necesidade de “actuar sobre ela para garantir a seguridade viaria”, pero a situación non mellorou dende entón. O portavoz socialista no Concello, Simón López, denuncia que “as fochancas e as deformidades no firme foron a peor nos últimos meses” e lamenta “a incapacidade do PP de Carlos Calvelo para cumprir o compromiso que adquiriu hai un ano, tralas reclamacións do PSdeG-PSOE, de acometer unhas melloras demandadas pola veciñanza dende hai moito tempo”.

No pleno de febreiro de 2021, o Grupo Municipal Socialista denunciara non só o mal estado do firme, senón tamén o pésimo estado de conservación da pintura e a presenza de obstáculos na gabia para o paso da auga. A raíz daquela pregunta, o goberno suplementou unha partida orzamentaria para realizar as melloras necesarias, pero ata o momento as máquinas non fixeron acto de presenza na subida a Santa Leocadia. “Ante a inacción do Partido Popular, no próximo pleno imos preguntar polos motivos do retraso na licitación e execución desta obra”, indica Simón López, “porque non podemos estar agardando a que ocorra un accidente”.

 

Obras urxentes e necesarias

Xunto á reposición integral do firme, o PSdeG-PSOE reclama a mellora das proteccións existentes ou a instalación de reflectores de pintura para a néboa, entre outras actuacións. Solicitarase, ademais, que se aproveiten as obras para proceder á instalación de servizos básicos como o saneamento, a auga ou as telecomunicacións nalgunhas zonas que agora carecen dos mesmos. “Hai un ano, estas obras eran moi necesarias, pero a desidia do PP fixo que se converteran nunha verdadeira cuestión de urxencia para a veciñanza”, lamenta o portavoz socialista.

Anterior
Anterior

Solicitamos a declaración de Arteixo como Vila Refuxio do conflito en Ucraína

Siguiente
Siguiente

O PSOE leva a pleno a reapertura e modernización de Radio Arteixo