O PSOE de Arteixo denuncia o gasto do goberno local en bandeiras azuis mentres se manteñen os vertidos nas praias e sen servizos básicos.
A voceira socialista, Patricia Boedo, explica que despois de 3 anos denunciando a situación Calvelo segue sen solucionar os problemas das verteduras nas praias, sen modernizar as infraestruturas de acceso e sen servizos básicos.
A voceira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no concello de Arteixo, Patricia Boedo, demandou hoxe ao goberno local que actúe ante as denuncias da cidadanía de Arteixo e outros visitantes que acoden aos areais da vila, que este fin de semana “comprobaron unha vez máis como o mobiliario sen cambiar, os baños pechados, as duchas sen auga, as papeleiras cheas de lixo e os olores na ría de Barrañán son insoportables”.
Ante esta situación, os socialistas preguntan para que vale que o goberno merque tantas bandeiras azuis se despois non se da o servizo de calidade que se oferta nos medios de comunicación e nas redes sociais. A voceira socialista insta ao goberno do señor Calvelo a publicar o custe destas bandeiras e explicar por que non se invisten os cartos da cidadanía en ter uns areais de calidade e que oferten servizos e comodidades aos usuarios das praias.
“Tódolos anos ao inicio da tempada de praias temos que denunciar esta situación, pero nada cambia, o goberno local non atopa solución efectiva para evitar os vertidos na ría de Barrañán e na praia do Rañal, e son moitos os veciños e veciñas que nos alertan dende fai tempo de que é insoportable aguantar o cheiro a fecais que hai na contorna da ría de Barrañán” declara Patricia Boedo. Por outra banda os socialistas denuncian que “o concello é incapaz de ter os baños abertos e as duchas con auga a estas alturas”. “As incidencias repítense en máis zonas de lecer do noso concello” según manifestou Boedo, “os accesos ás praias seguen sen modernizar, hai mobiliario roto, o baleirado das papeleiras funciona mal”.
A voceira socialista anuncia que volverá a levar o tema ao pleno municipal e pide présa, porque “despois de 3 anos da nosa denuncia e das promesas do alcalde, tanto nos temas estruturais como son os vertidos á ría e a praia do Rañal, como para os de funcionamento diario, todo segue igual”.
“Os socialistas entendemos que os nosos fermosos areais son parte importante da imaxe turística do noso concello e como tal deberan de ser tratados polos responsables municipais, que ademais de mercar bandeiras azuis, deberan ter este patrimonio ben coidado para os que decidan visitalo e desexen volver, ademais do servizo que lle dan á nosa cidadanía” concluíu a voceira socialista.