O PSOE de Arteixo denuncia o despilfarro do goberno local do PP
Os socialistas demandan coñecer o custo total da construción e posterior desmantelamento da pista multideporte do entorno do Centro de Saúde, a construción da nova pista no Parque Central e a remodelación da plataforma única na Avenida do Balneario.
O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia o despilfarro do goberno local do PP na construcción de instalacións e infraestruturas mal planificadas que deben ser reparadas ou incluso desmanteladas.
O portavoz do grupo socialista, Martín Seco, expón o caso da remodelación da Avenida do Balneario no 2023, “cunha obra máis estética que funcional cun custo duns 550.000 euros que non cambiaba o sistema de mobilidade da zona” pero que aos poucos meses causaba accidentes por tropezos nos viandantes que camiñaban pola plataforma única para peóns e vehículos cun desnivel de varios centímetros, que tivo que ser reparada un ano despois da súa inauguración.
Seco engade que en setembro do ano 2014 o goberno local anunciaba a apertura dunha pista multideporte no entorno do Centro de Saúde de Arteixo, “unha pista que lle custaba aos arteixáns uns 50.000 euros para unha infraestrutura que nunca tivo un uso normal” porque según explica o concelleiro socialista, permaneceu pechada a maior parte do tempo e que foi pechada definitivamente no 2023, “sen explicación por parte do goberno local ao tempo que anunciaba a construción dunha nova pista no Parque Central a uns poucos metros da que xa existía”.
“Dende o grupo municipal socialista non sabemos cal foi o custe do desmantelamento desta infraestructura”, denuncia Martín Seco, e sinala que neste 2024, o goberno local inaugurou a nova pista multideporte no Parque Central cun investimento de120.000 euros, “que se engaden aos anteriormente gastados pola mala planificación das infraestruturas que fai o actual goberno e a falla de comunicación do goberno local coa veciñanza”.
Prohibición do xogo con pelota na praza do Balneario
Con motivo da apertura desa nova pista multideporte en substitución da que xa existía no 2014 no entorno do centro de saúde, o goberno local prohibiu o xogo de pelota na praza do Balneario, “unha praza que foi remodelada baixo o mandato do actual alcalde para facer un espazo baleiro dedicado ao xogo da rapazada e a instalación da feira dos sábados”, según Martín Seco.
Hai uns meses o goberno local eliminou o parque infantil que estaba situado na parte alta desa praza “e agora prohibe o xogo dos nenos coas pelotas na parte baixa da praza, un lugar onde moitos pais e nais aproveitaban para conciliar o seu lecer co dos seus fillos”, sinala Seco.
Os socialistas arteixáns entenden que a posta en funcionamento da capela do Balneario, “mercada e cedida ao concello pola Fundación Amancio Ortega e reconstruída con fondos do Goberno do Estado” merece coidado e vixianza pero consideran excesivo impedir que os rapaces máis xóvenes do concello xoguen na praza.