O PSOE apoiará o acordo con Aqualia a cambio dun compromiso para construír a nova Casa das Artes de Arteixo
Se a proposta sae adiante, o Concello percibirá 7,5 millóns de euros e unha parte importante dese diñeiro deberá investirse, en opinión do Grupo Municipal Socialista, en novos equipamentos culturais.
Aqualia ofreceu un acordo extraxudicial para resolver o contencioso en torno aos pagos pendentes ao Concello e calquera decisión que se tome deberá contar coa aprobación do pleno. O goberno municipal trasladou a oferta da empresa aos demais grupos da corporación e o PSdeG-PSOE amosou a súa disposición a apoiala sempre que os cartos sexan reinvestidos en proxectos de futuro para a localidade. En total, a antiga concesionaria da auga ofrece un pago 7,5 millóns de euros para liquidar o contrato subscrito en 2005 e atender as reclamacións do Concello.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, cre que este diñeiro debería destinarse a “compensar o absoluto abandono do sector da Cultura por parte do PP de Carlos Calvelo”. Lembra que “tanto o tecido asociativo como as escolas de música demandan novos espazos para desenvolver a súa actividade e moitos colectivos puxeron tamén sobre a mesa a necesidade de ampliar os actuais equipamentos culturais municipais, xa que as instalacións do Centro Cívico de Arteixo quedaron pequenas hai bastante tempo”.
A Casa das Artes
Na reunión dos portavoces municipais para falar sobre o acordo con Aqualia, Simón López reclamou abertamente a construción dun novo edificio dedicado integramente á Cultura, unha proposta incluída no programa do PSdeG-PSOE para as eleccións municipais de 2019. A nova ‘Casa das Artes’ poría locais de ensaio a disposición de todos os colectivos con inquedanzas creativas e incluiría tamén salas de gravación para artistas e grupos musicais emerxentes. O alcalde comprometeuse a estudar, da man do Grupo Municipal Socialista, unha posible ampliación do Centro Cívico ou a construción da nova infraestrutura se esa reforma non resolve as demandas das entidades implicados coa Cultura.