O PSdeG-PSOE reclama a renovación da rede eléctrica para acabar cos cortes de luz en Suevos

O Grupo Municipal Socialista presentará un rogo no próximo pleno e o deputado Martín Seco pedirá explicacións á Xunta, no Parlamento Galego, polas deficiencias do subministro en Arteixo.

A infraestrutura eléctrica presenta numerosas deficiencias en Suevos

Infraestrutura eléctrica en Suevos

A veciñanza da parroquia de Suevos vén padecendo, dende hai tempo, interrupcións recorrentes no subministro eléctrico. Os cortes de luz, que inicialmente se limitaban aos días de temporal, deixaron de estar ligados ás inclemencias meteorolóxicas para ser un problema habitual, algo que afecta tanto ás familias como ás empresas situadas na contorna. O PSdeG-PSOE de Arteixo entende que o goberno municipal non pode permanecer de brazos cruzados e reclamará, no próximo pleno, que se adopten as medidas necesarias para garantir a conservación axeitada da infraestrutura.

O Grupo Municipal Socialista considera que a Xunta de Galicia debe asumir o traballo de inspección do estado no que se atopa a instalación en lugares como Suevos. As deficiencias da rede pódense apreciar a simple vista e a falla de limpeza da contorna incide de maneira directa no aumento de posibilidades de que haxa cortes de luz. Nalgunhas ocasións, os apagóns chegaron a prolongarse 12, 24 e ata 48 horas para desesperación da veciñanza, pero o non se trata dun problema exclusivo do concello de Arteixo. O Ministerio de Industria alertou xa sobre as deficiencias do subministro en toda Galicia, particularmente nas zonas rurais.

No Parlamento Galego

As deficiencias da rede eléctrica no rural de Arteixo chegarán tamén ao Parlamento de Galicia. O deputado Martín Seco rexistrou unha proposición non de lei para instar ao goberno autonómico a tomar cartas no asunto, esixíndolle á empresa Naturgy o cumprimento das súas obrigas de seguridade e mantemento da infraestrutura. “A compañía leva sacado moito rendemento da explotación dos nosos recursos naturais e o mínimo esixible por parte da Administración é que teña corresponsabilidade co país despois de tantos anos de beneficios”, indica Seco.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo denuncia as deficiencias do campo de fútbol de Pastoriza

Siguiente
Siguiente

Solicitamos a declaración de Arteixo como Vila Refuxio do conflito en Ucraína