O Parlamento Galego aproba a iniciativa socialista para rematar cos cortes de luz en Arteixo
Martín Seco considera “imprescindible” que o goberno galego inspeccione a infraestrutura eléctrica en Arteixo “esixíndolle ao operador unha correcta conservación e as melloras necesarias para as ditas instalacións”.
O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha proposición non de Lei presentada polo portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, para que a Xunta lle esixa a Naturgy que garanta o subministro de enerxía no Concello de Arteixo. O deputado socialista presentou esta iniciativa na Comisión de Industria que tivo lugar esta mañá.
Seco lembra que o goberno galego debe “facer un esforzo por levar a cabo un bo traballo de inspección sobre o estado no que se atopa a infraestrutura eléctrica en Arteixo, esixíndolle ao operador unha correcta conservación e as melloras necesarias para as ditas instalacións”. Lembra a situación lamentable do subministro do concello, con problemas de interrupcións de subministro en 2017, 2018 e a comezos de 2020, con interrupcións de 12, 24 e ata 48 horas.
O responsable socialista apunta que o goberno galego ten a responsabilidade de “esixirlle á empresa subministradora de enerxía o cumprimento das obrigas de seguridade e mantemento da rede, e garanta unha conservación axeitada da infraestrutura eléctrica”. Tamén deben de realizar, engade, “as melloras necesarias para que paren os apagamentos continuos que padecen os veciños e veciñas do Concello”.
Neste caso, tal como sinala Martín Seco, a empresa subministradora é Naturgy, que “lle leva sacado moito rendemento aos nosos recursos naturais, ten pechado a central térmica de Meirama e que deslocalizou o servizo de atención telefónica fora de Galicia”. Sinala que “o mínimo esixible é que a empresa teña corresponsabilidade co país, logo de anos explotando os recursos naturais de Galicia, que leva explotando durante moitos anos”.
A situación de Solymar
O deputado socialista apunta que a situación do Concello “pode resumirse co que está a suceder no barrio de Solymar, na parroquia de Oseiro, coas liñas de alta tensión pegadas ás vivendas, e onde levamos décadas agardando a que se desenvolve o acordo entre Concello, Consellería de Industria e Rede Eléctrica para sacar as instalacións do entorno das vivendas”. Lamenta que “nin no Concello parecen preocupados por poñer a disposición o terreo para o traslado nin na Consellería lle dan prioridade”.