O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo insta ao goberno do PP a poñer toda a documentación do Inventario de Bens Municipal a disposición da corporación municipal
Despois de 6 anos de espera e dun trámite caótico e falto de garantías para a veciñanza, os socialistas arteixáns esixen poder examinar con rigor toda a documentación sobre dito inventario, e que nel consten o propio inventario, as 126 alegacións presentadas ao documento inicial e os informes de contestación de cada unha delas e non só un informe xurídico de aprobación.
Os socialistas de Arteixo denuncian que se anuncie a aprobación definitiva do Inventario de Bens Municipal sen que a oposición dispoña de toda a documentación a falla de menos dunha semana para a celebración do pleno de xuño.
A voceira socialista, Patricia Boedo, recorda que o seu grupo municipal pediu por vía de moción que se continuase o trámite de aprobación do novo inventario de bens municipal e que foi aprobada pola unanimidade da corporación municipal ao tempo que reclama que “a día de hoxe non teñamos á nosa disposición toda a documentación no expediente e que non puidéramos analizar o propio documento final, as 126 alegacións presentadas e os informes que contestan a ditas alegacións, algo esencial para poder establecer o noso criterio nun documento que seguiu un trámite caótico e falto de garantías para a nosa veciñanza e as propiedades municipais e privadas”.
Patricia Boedo argumenta que “se o PP tivo o proceso paralizado durante 6 anos, ben poden esperar un mes para poñer de inmediato toda a documentación necesaria que permita avaliar algo tan importante como é o inventario dos bens que ten a disposición o noso concello” engadindo que “o procedemento seguido polo goberno local foi un auténtico caos que non favoreceu que a veciñanza puidese participar e colaborar neste documento”
“Por iso os socialistas lamentamos non poder votar na Comisión Informativa sobre esta aprobación e esperamos que o goberno local non pretenda aprobar algo tan importante como é este documento, sen que a oposición poida levar a cabo a súa labor de fiscalización, para o cal, pediremos que se aprace este punto ata o mes de xullo para poder ter a información completa á nosa disposición” di Boedo.