O alcalde de Arteixo incumpre outra vez as súas propias promesas electorais
Os socialistas lémbranlle ao rexidor a súa promesa de renovar o campo natural do estadio Ponte dos Brozos e a construción do terceiro campo de fútbol para o adestramento do resto de equipos e escolas deportivas.
O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no pleno de abril cal é motivo do cambio de opinión do grupo de goberno do PP que en maio de 2023 prometía a renovación do campo de herba natural e a construción dun 3º campo de adestramento tralo anuncio da adxudicación das obras para instalar céspede artificial no campo de fútbol que utiliza o Atlético Arteixo.
O campo de fútbol Ponte dos Brozos, é o único natural do concello e un dos poucos da comarca, e o propio alcalde Carlos Calveno no mitin de peche de campaña das elección municipais de maio de 2023, prometía que se volvía gobernar renovaría o campo natural e comezaría a construción do terceiro campo de fútbol para os adestramentos dos equipos e escolas deportivas, tal como lembran nun video os socialistas nas súas redes sociais.
“Certamente as instalacións de adestramento para o Atlético Arteixo quedáronse pequenas ante a multitude de rapaces que forman parte dos seus equipos e faise necesario a construción dese novo campo de adestramento que o grupo de goberno local prometera construír anexo ás instalacións do actual” asegura Ana Cedeira, portavoz do grupo municipal socialista.
Por outra banda, os socialistas argumentan que “perder o valor patrimonial e deportivo que supón o actual campo de herba natural do Ponte dos Brozos pode ser un profundo erro de cara ao futuro do clube e do noso concello” e sinalan que a falla de espazos podería solucionarse cumprindo esa promesa electoral que Carlos Calvelo fixo hai menos dun ano.
“Pero xa sabemos que as promesas de Carlos Calvelo, leváas o vento” remata Cedeira.