Arteixo, sen áreas de aparcamento público para autocaravanas

Os socialistas arteixáns acusan ao goberno de deixadez despois de 7 anos de aprobalo no pleno

O grupo municipal socialista de Arteixo ven de denunciar que o concello segue sen dispoñer de áreas específicas para o aparcamento de autocaravanas sete anos despois de que fose tratado en pleno e reclama saber cando e cantas áreas ten previsto instalar finalmente o goberno local.

O portavoz do grupo socialista, Martín Seco, lembra que “hai máis de 7 anos que se debatiu no pleno do concello a necesidade de instalación dunha área para o aparcamento de autocaravanas” ao que o grupo de goberno do PP non se opuxo, pero “o único que sabemos é que durante estes sete anos segue a buscar a ubicación idónea para levala a cabo”.

No ano 2019 o goberno do Partido Popular de Arteixo explicaba que “barallaba tres espazos para esa instalación”: na contorna do campo de fútbol de Ponte dos Brozos, na das praias de Sabón e Repibelo ,e na dos areais de Valcobo e Barrañán.

“Estamos no 2024 e non existe un lugar público adaptado para darlle cobertura a estes vehículos” afirma Seco, e “tampouco vemos que o grupo de goberno teña intención de levalo a cabo”. Para os socialistas “estanse a perder as oportunidades económicas que trae este turismo” pero ademáis “estase a provocar un malestar” derivado das autocaravanas que chegan e non teñen lugar onde aparcar.

“Este asunto é outro suma e segue da deixadez na xestión e das promesas que leva o vento do alcalde de Arteixo” remata Seco. 

 

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo solicita adaptar a accesibilidade cognitiva das infraestruturas e espazos públicos do concello

Siguiente
Siguiente

Arteixo continúa sen programa de murais urbanos