“Confírmase a sospeita de que Carlos Calvelo, utilizaría os postos de asesores no Concello de Arteixo como axencia de colocación de familiares e amigos do Partido Popular ”


Dende o Grupo Municipal Socialista deixamos claro no Pleno de Organización do Concello de Arteixo que tiñamos as sospeitas de que o aumento exponencial das dedicacións exclusivas e o número de asesores, ademais dos salarios que percibirían no PP, non viñan ligadas a unha xestión máis eficaz dun concello coa complexidade do noso.

A adxudicación de dedicacións exclusivas e o aumento de asignacións a moitos concelleiros cunha falla evidente de capacidade de xestión, levábanos a pensar que Carlos Calvelo, crecido cunha nova maioría absoluta, perdera tódolos complexos e quería seguir usando os impostos de tódolos veciños, para pagar favores electorais e persoais aos membros do seu partido, sen preocuparlle as eivas que temos en moitos departamentos e que non poden ser cubertas por persoal contratado debido as limitacións que pon a lexislación. Advertimos de que os postos de asesores deberan de ser utilizados para facer da nosa administración un lugar máis áxil e eficaz, para evitar os colapsos que temos nos servizos que se lle ofrecen aos nosos veciños e que se eran dedicados a esta razón, dende o Partido Socialista non estaríamos en contra de ditos nomeamentos.

Nas derradeiras datas, atopámonos coa perda dun gran técnico en contratación que pasou a ter unha comisión de servizos na Deputación de Lugo, ao tempo que en datas anteriores vimos como se nomeaba á parella do concelleiro Victor Merelas, como Asesora en Materia de Contratación e Patrimonio cun salario de 30.000 euros anuais, ademais de nomear a aqueles antigos concelleiros que non tiveron a confianza do pobo para ser elixidos. O que non sabemos son os méritos requeridos para tal fin, que esperamos que non sexan os amosados nestes 8 anos polo Concelleiro de Medioambiente. 

No próximo pleno preguntaremos polos curriculums dos asesores elixidos para xestionar o traballo nas competencias designadas no pleno e poderemos coñecer se o PP de Arteixo actúa polo ben dos veciños ou só polos seus intereses persoais.

Anterior
Anterior

Unha veciña leva dende Xuño de 2018, esperando solución á situación de inseguridade nas escaleiras do Centro Cívico de Arteixo

Siguiente
Siguiente

Grupo Municipal Socialista