O Grupo Socialista solicita o pago urxente do 2º prazo das becas comedor


O PSdeG-PSOE considera unha irresponsabilidade que a día de hoxe a xente non cobrara o segundo prazo das becas dos comedores escolares

Unha vez máis, e por enésima vez dende a súa implantación, dende o Grupo Municipal Socialista temos que denunciar a falla de axilidade para o cobro das becas dos comedores escolares que ofrece o goberno do PP en Arteixo.

A día de hoxe a situación é a seguinte: os usuarios que teñen concedida unha beca comedor para o curso pasado -2018/2019- seguen sen ter pagado o segundo prazo de dita beca, á vez que xa finalizou o prazo de solicitude das becas do vindeiro curso 2019/2020.

O Grupo Socialista leva anos solicitando novas fórmulas para a concesión e pago dos servizos subvencionados, coa implantación de bonos -ou sistemas similares- que permitan ás familias con dificultades non ter que aboar cantidades por adiantado que, en moitos casos, lles son dificilmente asumibles. A resposta do goberno do PP, despois de moitas denuncias, foi implantar un pago fraccionado en dúas partes, pero faise difícil entender como a estas alturas o segundo pago segue sen estar nos petos dos cidadáns que máis o necesitan, conseguindo que moitas familias teñan que renunciar aos comedores escolares por non ter capacidade económica para esperar tantos meses.

Martín Seco: “Se a Xunta de Galicia pode articular un sistema para que os cidadáns non teñan que adiantar as cuantías dos libros que subvenciona, o Concello de Arteixo, se lle preocupase a cidadanía con problemas económicos, tamén podería facer o mesmo coas nosas becas.”

Anterior
Anterior

Solicitamos explicacións sobre o estado legal dos quioscos de Barrañán

Siguiente
Siguiente

O goberno local vende novamente fume cunha instrución sobre terrazas da Policía Local datada de marzo de 2018