Os socialistas lamentan que a situación do PXOM estea igual que hai dous anos
O PSdG-PSOE de Arteixo
preguntou no pleno pola situación para contratar unha empresa que redacte o
plan xeral, posto que na sesión de hoxe o Goberno local levaba un novo cambio
nas normas urbanísticas, neste caso do polígono de Sabón. Unha modificación que
se suma á veintena que leva feito o Goberno de Carlos Calvelo, desde que o PP
chegou á Alcaldía en 2011.
“En marzo de 2015, e
despois da iniciativa do grupos da oposición, o pleno decidiu resolver o
contrato que tiña o Concello para a redacción do novo PXOM, levamos anos
escoitando por parte do Goberno local que se resolverá o contrato en breve e
sacaría un novo prego de condicións para unha nova licitación, pero seguimos
igual”, expón Martín Seco, voceiro socialista. Unha resposta que se repetiu
hoxe, “unha vez máis escoitamos que o prego xa está listo a falta dunhas
correccións”, lamenta o candidato socialista.
Todas estas modificacións, estudos de detalle,
unidades de actuación, plans parciais... Deberían estar planificadas dunha
maneira global, buscando o beneficio xeral dos veciños e dando respostas as
súas necesidades nun plan urbanístico.
SEGURIDADE
VIARIA
O grupo municipal
socialista exixiu ao Goberno local medidas de seguridade viaria en senllos
puntos de Vilarrodís e Larín dado o perigo que supón para a veciñanza en xeral,
e para os rapaces cando van a escola en particular.
No caso do núcleo de Vilarrodís,
o problema dáse sobre todo en horario de entrada e saída do colexio posto que
non hai beirarrúas. A solución pasa por actuar urbanisticamente cun plan
parcial posto que non se está a desenvolver o plan xeral, pero, “temporalmente
habería que actuar para garantir a seguridade dos viandantes e moito máis se
son persoas con mobilidade restrinxida”.
“O alcalde dixo que era
coñecedor do problema e que estaban a estudar algunha solución. A mesma
resposta que escoitamos hai case cinco anos”. O voceiro socialista exixiu “que
se poñan en marcha iniciativas no territorio, ou Policía Local, para facilitar
un camiño seguro ao colexio, e se pode ser con medios físicos que favorezan a
circulación de viandantes todo o día, mellor”.
PARADA DE BUS EN LARÍN
A maiores, o grupo
municipal socialista levou ao pleno os problemas de seguridade viaria que se
suceden “ao longo da AC-552, estrada na que existen moitos puntos de
preocupación dos viandantes que teñen que coller o bus, moito máis se os
afectados son menores que usan o bus escolar ou persoas maiores con problemas
de mobilidade”, subliñou Seco. Unha situación que se repite en puntos como
Candame, Lañas ou Larín, sen que a Xunta lle dea unha solución.
Neste último caso, a
veciñanza reclama “algunha fórmula para poder cruzar con seguridade e poder ir
a parada de bus de Casas Novas, que se atopa
un punto onde os coches pasan a 90 km/h e moitas veces, a maior velocidade”.
Unha situación grave de por si, que aínda é peor en horario escolar, xa que “os
nenos pequenos teñen que cruzar á parada para subirse ao bus escolar”.