“O PP utiliza por vixésima vez a imaxe dun Porto Exterior sen rematar, cun acceso ferroviario paralizado, sen eliminar a peaxe de Pastoriza, cunha actividade portuaria baixo mínimos e co recordo das promesas de Núñez Feijoo fai xusto catro anos, cando falaba da chegada inminente de empresas foráneas para as súas instalacións, que deixarían emprego para unha cidadanía que está cansa das mentiras dun Presidente da Xunta de Galicia sen proxecto”


Hoxe asistimos unha vez máis a un acto propagandístico do PP en pleno proceso electoral en contra do que marca a lei de transparencia, xa no mes de Maio do 2015, a Autoridade Portuaria tivo que cancelar a presentación do plan estratéxico para o porto, por orde da Xunta Electoral e agora agasállanos cunha exposición fotográfica que invade a rúa peonil de Arteixo e que hoxe ven a visitar o Presidente da Autoridade Portuaria, que se tivera o mínimo de decencia, despois do sucedido en 2015 e o que está sucedendo hoxe, debería dimitir por incumprir o establecido pola lei de transparencia e utilizar as institucións do estado como propaganda dun partido político en período electoral. O PSdeG-PSOE presentará unha denuncia formal ante a Xunta Electoral por este comportamento das institucións gobernadas polo PP.

O curioso é ver este despropósito nunha infraestrutura sen rematar no 2016, cun futuro incerto para o seu acceso ferroviairo, sen ter aínda resolto o acceso por estrada, cunha peaxe en Pastoriza que o propio Ministerio de Fomento do que depende esta institución se nega a eliminar, cunha falla preocupante de actividade portuaria nesta infraestrutura, que pon en evidencia as mentiras contadas por Núñez Feijoo fai xusto catro anos, na anterior campaña electoral á Presidencia da Xunta, cando prometeu a inminente chegada de empresas foráneas para deixar actividade económica e emprego nestas e que resultaron unha burda cortina de fume para a súa campaña electoral.

Mentres o alcalde Calvelo esqueceu a reivindicación da liberalización da peaxe da AG-55 en Pastoriza e préstase a esta sucia montaxe electoral do PP dende o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. Semella que todo aquel espectáculo que montou, con manifestación incluída, foi unha simple posta en escena, para tratar de exculpar a responsabilidade do seu partido, nunha decisión moi negativa para Arteixo e que hoxe camiña da man daqueles que dicía combater, triste comportamento de quen di unha cousa e fai a contraria continuamente.

Anterior
Anterior

MOCIÓN DE URXENCIA QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOBRE OS VERTIDOS NO RÍO BOLAÑOS

Siguiente
Siguiente

“ O concello de Arteixo debe comprometerse a reconstruir o campo da chave en Pastoriza, como fixo en outras parroquias ”