Moción que presenta o grupo socialista do Concello de Arteixo para REVITALIZAR A FEIRA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
No anterior mandato municipal o goberno do PP decidiu trocar a estrutura da feira dos sábados en Arteixo. Para elo levou a cabo unha custosa obra na Praza do Balneario, que comezou a albergar o mercado tradicional de froitas, verduras e flores do noso concello.
Dende o noso Grupo sempre dubidamos que fose un troco axeitado e, felicitando ao grupo de goberno pola decisión de peatonalizar unha das rúas de dita praza, para o noso entender, o gasto na nova configuración da Praza, foi innecesario.
Co paso do tempo observamos como a feira de Arteixo consúmese, cunha presenza cada día menor de produtores agrarios e cun menor número de participantes cada sábado. As queixas por parte dos vendedores da Praza do Balneario son continuas e as peticións para volver á súa situación anterior, cada vez maiores.
Por outra banda tampouco vemos que o Grupo de Goberno (a través da Concellería de Promoción Económica) leve a cabo novas actuacións que dinamicen o ambiente da feira e a participación de máis vendedores e visitantes, polo que se necesita xa un pulo antes de que deixe de existir un evento de importancia, tanto para os participantes como para o comercio local que debería nutrirse de compradores nestas datas.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:
• Instar ó Goberno Municipal a por en marcha unha mesa de traballo co resto de partidos políticos da corporación, vendedores e comerciantes para a procura de dinamizar as feiras dos sábados no noso concello, onde se analice o troco de situación do mercado tradicional e novas actividades e eventos que melloren o resultado comercial destas datas.