MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO POLO FUTURO DA ACTIVIDADE EN ALCOA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Alcoa é unha empresa fundamental na economía da provincia de Lugo, da súa factoría en Cervo dependen 1.200 empregos directos e outros 600 indirectos, tamén é de vital importancia para a nosa bisbarra a factoría da Coruña, na que traballan 400 persoas, moitos deles veciños do concello de Arteixo e cuxa actividade está relacionada coa de Cervo xa que esta lle subministra a alumina para a produción de aluminio. A mesma empresa tamén ten unha factoría en Aviles da que dependen 500 empregos directos.
En Alcoa e outras factorías de Galicia, como Ferroatlántica, Megasa, Celsa e SLG Carbón, o custo de enerxía é unha parte moi importante do custo final.
A evolución dos custos do mercado eléctrico nos últimos meses superou as previsións feitas polo Goberno, a fórmula da poxa ideada polo goberno non cubriu as necesidades das fábricas de aluminio e alumina en Galicia e xera incerteza e imposibilidade de planificar a actividade e o investimento a medio prazo co correspondente risco de deslocalización da actividade.
A semana pasada Rede Eléctrica de España (REE) puxo no mercado nove bloques de 90 MW interrompibles e 238 paquetes de 5 MW. O obxectivo deste novo sistema de asignación era abaratar o custo.
A partir do prezo de saída e mediante poxas presenciais, o importe vai baixando en cada rolda a un prezo previamente establecido. A prestación do servizo asígnase ao último competidor que queda na poxa sen retirarse, e polo tanto, está disposto a prestalo ao prezo máis baixo. Isto fixo que o valor económico dos bloques de 90 MW baixase dos 350.000 euros por MW e ano de saída aos 300.000 finais. No caso dos paquetes de 5 MW pasouse dun prezo inicial de 260.000 euros por MW a só 100.000 euros. Deste modo, cos MW captados para interrumpibilidade REE gastará o próximo ano uns 350 millóns de euros neste concepto, fronte aos 550 euros do exercicio en curso.
Neste proceso Alcoa só obtivo tres dos catro bloques de 90 MW que solicitase para a súa factoría en Cervo e ningún dos solicitados para a da Coruña. Isto provoca que a empresa non vai obter os servizos de interrumpibilidade suficientes. Ata agora a enerxía supoñía un 35% dos custos da compañía, e sen as retribucións pola interrumpibilidade a factura aumentará considerablemente e deixará a empresa fóra do mercado mundial.
Isto pon en evidencia a necesidade de que as empresas dispoñan de electricidade a un prezo que lles permita manter a competitividade dos seus produtos e a estabilidade dos seus empregos.
É necesario que as factorías de Alcoa poidan planificar a súa actividade con certa estabilidade relativa aos custos da enerxía.
A empresa só está a facer mantemento e non aborda investimentos máis importantes pola imposibilidade de planificar a actividade a medio prazo.
O goberno está obrigado a solucionar o problema das empresas con gran consumo de enerxía para encontrar solucións á incerteza recorrente. É necesario actuar para evitar o lamento posterior cando o problema xa non teña solución.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo, somete a votación a seguinte MOCIÓN na que se insta ao Goberno de España a:
Dar unha solución inmediata e urxente para solucionar a situación que están a vivir as diferentes factorías, derivada da fórmula de poxa implementar para a asignación de retribucións ao servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade eléctrica e establecer unha fórmula para que as factorías con alto consumo de enerxía poidan acceder ao mercado de enerxía en condicións razoables e que estean en relación coas doutros países da Unión Europea.