INFORME DO GRUPO MUNICIPAL DO PSdeG-PSOE DE ARTEIXO SOBRE A A PROPOSTA DO GOBERNO MUNICIPAL DE MODIFICACIÓN DA ORDENANZA MUNICIPAL DE AXUDAS PARA SITUACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL E PARA A INSERCIÓN SOCIAL DO CONCELLO DE ARTEIXO.



Despois de ler e estudar a proposta de modificación presentada no mes de Xullo de 2013 polo goberno do Partido Popular da Ordenanza municipal nº 31 de Axudas para situacións de emerxencia social e para a inserción social do Concello de Arteixo, queremos realizar as seguintes consideracións:

  • É inaceptable que durante toda esta lexislatura dende o Grupo de Goberno do PP, non se trouxese a Pleno nin unha soa actualización deste regulamento, na situación que levamos a vivir en plena crise económica en un Concello, onde recibimos esta información  do propio goberno do estado ante unha pregunta parlamentaria do Grupo Socialista


É dicir, estes datos poñen en evidencia a aparición de moitos novos casos de cidadáns en situación de emerxencia social. Polo que consideramos completamente prioritario e inaprazable que se leve a cabo unha profunda modificación dos sistemas de atención as persoas en situación de emerxencia social.

  • Débese levar a cabo unha profunda reorganización dos sistemas de actuación do departamento de Servizos Sociais e camiñar cara un sistema que esté baseado na rapidez e na flexibilidade na xestión dos recursos por parte das traballadoras sociais, coa inminente cobertura da praza vacante da Coordinadora de Servizos Sociais e o abandono da política do clientelismo con este servizo que se practica ata o momento neste Departamento.
  • En relación co documento presentado e retirado en Xullo de 2013 e que segundo a contestación do alcalde ante a convocatoria da Xunta de Voceiros do 10 de Abril, é o único existente ata o momento, facemos as seguintes consideracións:

1.        Trátase  dun documento onde se pretenden recoller todos aqueles aspectos que o Concello quere ter en conta na regulamentación das axudas de emerxencia social, e o fai sen levar a cabo unha análise pausada e razoada que lle facilite coherencia a todo o texto, corrixir os erros, nomear correctamente as necesidades a cubrir, etc.. Parece que se trata dun borrador de traballo, máis que dunha proposta de modificación do texto da Ordenanza xa que este documento como norma legal, na súa redacción actual, aínda está verde. Vexamos algúns exemplo disto:

·        No artigo 2 de Beneficiarios, non inclúen os parentes vinculados por unha relación de afinidade. Dende o noso Grupo preguntámonos se só pretendemos incluír aos parentes consanguíneos ata o 2º grao.

·        No mesmo artigo 2 dise:, “… Deben ser residentes no municipio de Arteixo, cunha antigüidade de seis meses mínima de residencia efectiva”. E despois no artigo 3, que trata dos requisitos, indica: “… estar empadroado no termo municipal de Arteixo cunha antelación mínima de seis meses á solicitude”. Aquí xa non fala de residencia efectiva, refírese ao empadroamento. Preguntámonos se non sería máis doado falar sempre de empadroamento.

·        A denominación da intervención profesional muda no desenrolo do documento. Nalgún caso chámalle “plan de intervención social, familiar ou laboral”. Noutros chámalle “proxecto individualizado ou familiar de inserción”. Tamén se refire a “plan de traballo coa familia”. Preguntámonos se non se debera denominar sempre igual

·        No artigo 5.2, Tipos de necesidades, inclúe os conceptos polos que se pode conceder unha axuda de emerxencia social. Encontramos incompleta a táboa que recolle os tipos de axudas e as contías:

o       Para alimentación conceden 70€, 90€ ou 110 €/mes en función dos convivintes. Pero non sabemos se para vestimenta básica tamén se aplica o mesmo criterio.

o       Non hai correlación entre a definición e o reflectido na táboa:

      - Para os conceptos aluguer/hipoteca; conciliación/mellora da formación;   socioeducativa/sociosanitaria; non sabemos se as contías que figuran son ao mes ou ao ano.

-          Para Outras axudas; non abemos cal é a contía que concedemos, ¿tal vez o gasto real?.

En fin, é evidente que se está a optar por unha norma excesivamente regulamentista. E se isto é o que se quere por parte deste goberno, necesitaría un repaso para completar este cadro, de xeito que se sinale claramente se as contías máximas son mensuais ou anuais. Máis o que tamén podería ser útil e optar por outra opción, unha norma non tan regulamentista, como as que usan en Vigo ou a menos regulamentista como é a de A Coruña.

2.        Trátase dun texto cun articulado contraditorio e con conceptos confusos. Manexa conceptos que nunha primeira lectura son contundentes, pero despois, no mesmo artigo u noutros, se matizan pero de forma pouco clara. Atopamos varios exemplos disto:

·        Beneficiarios. Define unidade familiar como “o núcleo de convivencia, o conxunto de persoas que conviven no mesmo domicilio”. Segundo esta consideración son todos os convivintes, pero no segundo parágrafo só inclúe os familiares con vínculos por relación de matrimonio ou outra forma de relación estable, análoga á conxugal e os parentes consanguíneos ata o 2º grao. Non queda claro se os parentes por afinidade contan ou non.

·        O requisito 3.3 di:  “non ter acceso a axudas polo mesmo concepto por parte doutros organismos, entidades ou administracións públicas que cubran a totalidade da necesidade pola que se solicita a prestación”. Este non ter acceso preguntamonos que quere dicir, ¿non ter dereito a facer unha solicitude ou non ter solicitado de facto a axuda?.

·        O proxecto de regulamento no art. 7, que trata das incompatibilidades,  recolle que pode anticipar axudas concedidas por outras administración para logo reintegralas. Isto se aplicaría a unha persoa que acceda a axudas doutras administración que cubran unha necesidade, mais que a tramitación ata a resolución pode tardar moitos meses. Isto implica en primeiro lugar que nos saltamos o requisito 3.3. e nos preguntamos cal é o procedemento administrativo polo que se obriga ao beneficiario a reintegrar o cobrado polo Concello.

Se o fin destas axudas é a prevención de situacións de marxinación ou risco de exclusión, estas axudas deberían ser un instrumento áxil e rápido, polo tanto este é un requisito que limita a acción da intervención social. Debera o técnico de servizos sociais poder orientar ao usuario, que axuda procede tramitar en función da necesidade, tempo e da intervención a realizar. Pensamos que con outros límites que xa recolle o art.7 da ordenanza abonda:

-Non se poderá ser persoa beneficiaria simultaneamente de mais dunha prestación ou dereito á percepción económica para a mesma finalidade, calquera que sexa a administración pública ou privada outorgante.

-Poderán concederse axudas cando as prestacións económicas doutros servizos ou administracións non cubran a totalidade do importe da prestación (debera dicir necesidade).

Ou sexa,  localizamos unha teima desmedida por regular a non financiación de nada que hipoteticamente sexa financiable por outra entidade, podendo implicar graves problemas á hora de intervir realmente perante dunha emerxencia social.

·           O requisito 3.5 di: “Non dispoñer de bens mobles ou inmobles distintos da vivenda habitual, sobre os que se posúa dereito de propiedade, usufructo ou calquera outro, que polas características, valoración, posibilidade de explotación ou venda, indique a existencia de medios suficientes para atender a necesidade obxecto de axuda”.

Dito requisito 3.5  é matizado e incluso resulta contradictorio do artigo 4. a, no que dí: “no capital inmobiliario computaranse particularmente os rendementos obtidos por alugamento, traspasos ou cesións, tanto de bens rústicos coma urbanos”. Tamén recolle o artigo 4  “no caso de existencia de propiedades de natureza rústica ou urbana estudarase en cada caso as posibilidades reais de alleamento...”.

Ou sexa, segundo éste, ao final pódese dispoñer de bens. Pasamos dun requisito de certa contundencia a no seguinte artigo incluír elementos matizadores de difícil aplicación na realidade. Preguntámonos quen vai a valorar esas posibilidades de alleamento, ¿o solicitante?, ¿o técnico tramitador?. Poderíase dar doadamente a situación de que as axudas fosen sistematicamente denegadas polo mero feito de que as persoas ou familias solicitantes posúan certos bens, teoricamente alleables, mais na práctica sen compradores reais.

Non obstante, si que estamos de acordo en que se teñan en conta “... aqueles signos externos de riqueza ou os bens mobles ou inmobles ou aqueloutros bens doutra natureza sobre os que posúa un dereito de propiedade ...”  porque permite ao técnico tramitador valorar estas circunstancias.

·          O requisito 3.6 recolle: “Que os ingresos anuais da unidade familiar non superen o IPREM descontando o aluguer ou hipoteca ata un importe de 350 € mensuais”. Ou sexa, segundo este requisito descóntase o aluguer ou hipoteca. Neste mesmo artigo non o recolle o que posteriormente figura no artigo 4.d, onde inclúe como gasto que deduce, o realizado a causa de enfermidade grave, entón non só deduce o aluguer da vivenda se non que tamén o fan os gastos por enfermidade grave. Temos que acudir a  dous artigos diferentes para chegar a esta conclusión.

·        Complica un pouco o incremento dos ingresos en función do número de membros da familia dado o que tamén figura no art. 3.6.

Por exemplo unha familia composta por nai/pai/ 2 menores e un destes menores con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%. O límite de ingresos sería IPREM + 10% (nai (ou pai) + fillo+ fillo+ fillo con discapacidade) = IPREM + 40%  do IPREM. Non sabemos se realmente é así, porque non ven nada claro.

·        No art. 4 Do cómputo dos ingresos, entre outros ingresos sinala que se  terán en conta ingresos de traballo por con ta propia (aplicaranse criterios de rendabilidade real e non soamente tributarios).

A aclaración que figura entre paréntese resulta certamente chamativa, posto que o Concello de Arteixo recoñece e dá por feito que existe fraude fiscal e non é facenda o encargado de detectalo, semella que na aplicación deste regulamento, este fraude será detectado polos técnicos de servizos sociais. ¿Cales son os criterios para saber cal é a rendabilidade real?. Esta redacción parécenos completamente fóra de lugar nun texto dunha norma legal que únicamente complicará a xestión das axudas, posto que se efectivamente existe fraude fiscal, a modo de claúsula de seguranza, en vez de querer facer dos Servizos Sociais unha nova entidade de control tributaria, o máis lóxico e manexable parécenos que se utilice, como xa dixemos, o establecido no art. 4 a onde se di: “...terase en conta aqueles signos externos de riqueza ou os bens mobles ou inmobles ou aqueloutros bens doutra natureza sobre os que posúa un dereito de propiedade …”, cuxa aplicación poderá figurar dentro da redacción do informe social.


3.        Os importes das axudas son discutibles. Na nosa opinión están demasiado taxados por conceptos e ademais son claramente baixos. Entendemos que o Grupo de Goberno pretende un determinado perfil moi restrictivo de solicitante.

a)     Por exemplo, no Concello da Coruña para subsistencia como contía máxima pode concederse o importe dunha mensualidade do IPREM (532,51€/mes) tres veces ao ano. Por calquera outro concepto, ata un máximo anual do 300% do IPREM. Supón un total duns 3000 € por familia por ambos conceptos.

b)     No Concello de Vigo, as contías máximas das axudas segundo a súa naturaza aínda son maiores:

- Aloxamento:

 Alugueres e amortización de créditos hipotecarios en evitación desafiuzamentos da vivenda habitual, ata un máximo de 3.000 € por vivenda e ano.

Aloxamentos provisionais, ata un máximo de 600 €.

Gastos de comunidade, ata un máximo de 1.000 € por vivenda e ano.

Moiliario de primeira necesidade, ata un máximo de 1.000 € por vivenda e ano.

Débedas de subministros: enerxía eléctrica e gas, ata un máximo de 800 € por vivenda e ano; 00 € por vivenda e ano para o gasto de consumo de auga.

- Alimentación:

Ata un máximo de 500 € mensuais ou 3.000 € anuais, de acordo co seguinte baremo:

 

-Gastos de atención sanitaria para a adquisición de medicinas e pagamento de débedas xeradas or este concepto, na porcentaxe non cuberta polo sistema sanitario.

-Gastos de atención sanitaria non cubertos polo sistema público (adquisición, reparación e daptación de gafas, ortopedia e prótesis), acreditando a súa prescrición por un médico do sistema úblico de saúde, ata un máximo de 750 € anuais.

- Gastos persoais, ata un máximo de 400 € anuais.

- Para as axudas que se concedan destinadas á adaptación dos fogares (eliminación de barreiras arquitectónicas e/ou pequenos arranxos para mellorar o desenvolvemento diario no entorno), ata un máximo de 3.000 € por vivenda e ano.

c)      No Concello de Arteixo os topes máximos por todos os conceptos son ata 1500 cando se trata de familias de 3 ou máis membros e segundo reflicte a táboa algúns conceptos xa teñen un límite anual.

·        A documentación requerida para presentar para a solicitude destas axudas resulta claramente desproporcionada e dificulta enormemente os trámites a seguir polos posibles beneficiarios. Nese senso avogamos por diminuir a documentación requerida tomando como base o establecido en Concellos como A Coruña e Vigo, claramente inferior.

·        Os propios soportes documentais que se propoñen para a aplicación destas axudas polos profesionais dos servizos sociais, ou sexa o anexo 2 e o anexo 3  do regulamento son documentos tipo, en certa medida pechados e polo tanto homoxeneizadores das necesidades persoais e de cada familia e polo tanto da intervención. Así pois, ou faltan documentos ou na diagnose social faltan moitos aspectos da persoa ou familia que é necesario valorar. O proxecto de intervención proposto, que teoricamente está deseñado para aplicar os recursos deste regulamento, nin tan sequera recolle todas as axudas que se poden conceder segundo a táboa do artigo 5. Exemplo evidente é o relacionado coa conciliación, as socioeducativas, outros gastos excepcionais, etc...

  
  • Conclusións:
  
·        O documento presentado, trátase dunha norma excesivamente regulamentista e coa redacción actual, con evidentes fallas e incoherencias, o que vai dificultar na práctica a xestión do programa de axudas de emerxencia social.

·        Se finalmente se opta por unha norma destas características o que cumpre e perfeccionar significativamente a redacción para eliminar as fallas e incoherencias.

·        A loita contra a fraude social sempre é importante. Non obstante o regulamento proposto excédese, ata o punto de facer bastante dubidoso que poida cumprir realmente a súa razón de ser: que exista un programa de Axudas de Emerxencia Social que atenda de forma rápida a persoas e familias en situacións de necesidade.

Entendemos máis conveniente mudar de modelo de regulamento, para ir a un menos complexo é que sexa unha ferramenta eficaz de axuda ás persoas con necesidades ao tempo que permite un control razoable da fraude social, como o xa citado do Concello de Vigo ou o de Culleredo, mellorando todos aqueles aspectos que se entendan convenientes. 

Anterior
Anterior

“O PSdeG-PSOE de Arteixo advirte do mal estado no que se atopa o lavadoiro de Oseiro e o perigo de que se produza algún derrubamento”

Siguiente
Siguiente

“Esiximos que o Grupo de Goberno do Partido Popular faga algo porque rematen xa as obras do Campo da Festa e da Praza do Balneario, e penalice as empresas construtoras por non ter cumprido os prazos establecidos”