MOCION SOBRE OS DESAFIUZAMENTOS
MOCIÓN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Coa crise e o aumento alarmante do desemprego, centos de miles de familias están a chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de Arteixo non é alleo a este fenómeno, xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán expostos a unha condena financeira de por vida.
No procedemento xudicial hipotecario a vivenda póxase e a Lei de Enxuizamento Civil establece que, no caso de non presentarse poxadores, algo que acontece na maioría dos casos, o banco ou a entidade prestamista pode adxudicarse a vivenda polo 60% do valor da taxación. É dicir: non só poden quedar coa vivenda por un prezo moito menor do que se taxou ao firmar a hipoteca, senón que ademais unha boa parte da débeda mantense (unha vez descontado o valor polo que se poxou a vivenda), incrementada por grandes gastos xudiciais e honorarios profesionais. Ademais, como resultado de todo iso, aos debedores embárganselles os bens e ingresos, tanto presentes como futuros, para saldar a totalidade da débeda.
Esta lexislación, que non se aplica noutros países, era descoñecida polas familias cando rubricaron as hipotecas. Así, a situación é aínda máis grave, xa que pode considerarse que os hipotecados se viron sometidos a unha publicidade enganosa, sometidos á sobrevaloración das taxacións das vivendas e tamén, a unha linguaxe pouco doada de comprender nos contratos que firmaron.
Hoxe en día, calquera non pagamento pode supoñer o vencemento anticipado de todo o que adebedan, e nos contratos que firmaron agochábanse numerosas cláusulas abusivas, como as do só - teito, ou dos intereses moratorios, que oscilan entre o 18 e o 20 por cento.
Por todo o exposto, dende a Agrupación Socialista de Arteixo, considérase que se está a vulnerar un dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución di que “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.
A perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en moitos casos á marxinación e exclusión social.
En definitiva, a situación de desamparo na que se atopan algunhas das nosas familias, asfixiadas por unha situación laboral cada vez máis insostible e unha hipoteca froito da avidez de especuladores e entidades financeiras, é moi preocupante.
Polo tanto, faise necesario intervir con urxencia ante esta dramática situación, que levou a horrorosos desenlaces coa perda de vidas, e que coa duración prolongada desta crise inhumana, estase a agravar día a día.
Ao igual que antes noutros Concellos como Silleda ou Ares, e mentres non se cambie desde os órganos competentes estatais a lexislación sobre desafiuzamentos (recentemente sinalada incluso por instancias europeas como non garantise dunha necesaria protección eficaz dos consumidores fronte a posibles cláusulas abusivas das hipotecas), desde o Concello de Arteixo queremos aportar as medidas necesarias no ámbito municipal para evitar que se produzan mais desafiuzamentos.
Diante desta situación, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,
ACORDOS:
PRIMEIRO.- Instar ao Goberno central a unha rápida e contundente modificación lexislativa do procedemento xudicial hipotecario neste país, incluíndo unha moratoria total ou parcial, sen intereses engadidos, das débedas hipotecarias sobre vivenda habitual, a favor das persoas que se atopen en situación de insolvencia sobrevida de boa fe, de tal xeito que se eviten procedementos xudiciais hipotecarios, poxas de vivendas e desafiuzamentos que están a deixar na rúa a miles de familias.
SEGUNDO.- Instar ao Goberno para que adopte as medidas necesarias para que, nos supostos de vivenda habitual e insolvencia sobrevida de boa fe, se aplique a dación en pago, regulada no artigo 140 da Lei Hipotecaria, de tal xeito que, a elección do debedor, se poida cancelar, sen execución hipotecaria, a totalidade da débeda pendente coa entrega da vivenda, aínda que isto non fora pactado ao formalizarse a hipoteca.
TERCEIRO.- Instar ao Goberno Central para que adopte as medidas necesarias para evitar os desafiuzamentos no caso de vivendas en aluguer, coa retirada da anteproxecto de lei para a dinamización da vivenda en aluguer, que prevé desafiuzamentos en 10 días, co fin de mellorar a protección da cidadanía en momentos de tribulacións económicas.
CUARTO.- Instar ao Goberno para que se adopten todo tipo de medidas tendentes a que os poderes públicos dean cumprimento efectivo ao mandato do art. 47 da Constitución Española, e se estuden saídas xustas á cuestión das vivendas baleiras.
QUINTO.- Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de Galicia, así como ao Congreso e ao Senado.
SEXTO.- Máis aló das medidas de competencia estatal, propor a adopción das seguintes medidas para emprender a nivel municipal:
6.1.Eliminación do imposto municipal de plusvalía para as persoas afectadas que sufran a perda da súa vivenda en poxa, e para aquelas que logren a dación da vivenda en pago, naqueles supostos en que a lei así o permita.
6.2. Revisión dos protocolos de actuación de Servizos Sociais nos casos de desafiuzamento, e colaboración á hora de pedir aos xuíces a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos económicos e ser refira á vivenda única e habitual.
6.3. Non poñer ningún axente da Policía Local a disposición das ordes de desafiuzamento.
6.4. Interpelar ás entidades financeiras que operan no municipio para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación de débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria, coa indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos municipais de ditas entidades.
6.5. Colaboración dos servizos xurídicos do Concello en todos os casos que o requiran.
6.6. Facultar ao Alcalde-Presidente para exercitar as accións legais que procedan en defensa dos dereitos da veciñanza de Arteixo.