O Concello De Arteixo Solicita A Colaboración Dos Veciños De Morás E Loureda No Cambio De Numeración Das Rúas

O Concello de Arteixo está a remitir a todos os veciños de todo o municipio unhas cartas nas que explica que, debido ao crecemento do Concello, é necesario actualizar a numeración das rúas, posto que a servizo de correos atopaba innumerables dificultades á hora do reparto da correspondencia, ao existir moitos edificios e casas sen identificar correctamente, con numeracións ducplicadas ou, nalgúns casos, inexistentes.


Esta nova numeración das rúas conleva, evidentemente, a necesidade de que os propios veciños comuniquen ás administracións (Xunta de Galicia, Sergas, Seguridade Social, Goberno, Deputación da Coruña, etc, etc), e ao resto dos seus remitentes habituais de correo (bancos, aseguradoras, suscricións...), o novo enderezo, do mesmo xeito que é preciso facer os cambios de domiciliación cando se asiste a un traslado ou desprazamento.


As parroquias de Loureda e Morás foron a primeiras en seren notificadas, no pasado mes de maio, cunhas misivas nas que se lles solicitaba que comunicaran o cambio de numeración –único cambio operado- aos seus remitentes habituais nun prazo de dous meses, para evitar así problemas no recibo de correspondencia. Pero, a día de hoxe, moitos dos veciños non teñen notificado o cambio na numeración.


A nova numeración implica, pois, cambios no enderezo de notificacións, polo que dende o Concello de Arteixo desexan reincidir, tal e como xa fixeron nas cartas enviadas aos veciños no pasado mes de maio, na necesidade que sexan eles mesmos quen comuniquen o cambio de numeración a todos os remitentes habituais de correo, ao tratarse dun proceso que non pode realizar ninguén no seu nome, nin se quera o propio Concello, posto que os cambios de domiciliación debe comunicalos o titular da mesma.


É por iso que dende o Concello de Arteixo solicitan novamente a colaboración dos veciños de Loureda e Morás, para que comuniquen o cambio de domiciliación aos seus remitentes habituais na maior brevidade posible, tal e como xa se lles solicitou no pasado mes de maio, a fin de evitar maiores problemas na entrega do correo.
Anterior
Anterior

Feira Histórica Arteixo 1900

Siguiente
Siguiente

Presentación Do Proxecto “Novo Bulevar De Arteixo”