Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco forza ao PP a cumprir a súa promesa de habilitar unha liña de axudas directas ao sector agrario con fondos propios da Xunta.

O deputado socialista remarcou que ata o momento a Xunta non achegou nin un só euro de recursos económicos propios para paliar os efectos da crise no campo por mor da pandemia e a guerra de Ucraína

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que habilite unha liña de axudas directas ao sector agrogandeiro galego con fondos propios. Esa cantidade, tal e como defendeu o deputado Martín Seco, tería que ser na mesma contía que a que está a achegar o goberno central aos produtores galegos e destinarse tamén aos sectores cárnicos e da pataca.

Con esta iniciativa, o PSdeG forzou ao PP a cumprir a promesa realizada a finais de marzo polo expresidente da Xunta, quen se comprometeu a activar recursos económicos propios para o sector na mesma cantidade que as axudas directas do goberno de Pedro Sánchez. O obxectivo é que o goberno galego tamén contribúa a paliar os efectos da crise derivada da pandemia e da guerra de Ucraína, tendo en conta que a día de hoxe aínda non puxo “nin un so euro”.

A Xunta, polo tanto, “terá que cumprir o comprometido por Feijoo hai tan só tres meses”. “Ata o momento deu a sensación de que podían estar pensado en evitar as axudas”, asegurou Seco, “buscando mecanismos para empregar fondos europeos e non propios para complementar as cantidades que dá o goberno do Estado”.

Nesta liña, Martín Seco, incidiu en que “non imos a cansarnos de pedirllo tantas veces como sexa necesario”, tanto dende o Parlamento como dende os concellos e deputacións. Neste contexto, indicou que “o goberno galego, ademais de tanta propaganda institucional, o mínimo que pode facer é cumprir os compromisos adquiridos co sector agrario”. Moito máis, subliñou, “neste grave momento de rise derivado da guerra de Ucraína , que require medidas excepcionais e rápidas”, e  cando “son os propios produtores os que lles solicitan estas medidas”.

Neste contexto, Martín Seco lembrou que o pasado 23 de marzo, Feijoo pediulle ao goberno do Estado que puxese en axudas directas para o sector agrario o mesmo que poñía a unión Europea, que eran 65 millóns de euros. Con este punto de partida, sinalou que as comunidades autónomas deberían poñer entre todas o mesmo que o goberno central e comprometíase a facelo así en Galicia con fondos propios.  

A partir de aí, Martín Seco lembrou que o goberno de Pedro Sánchez -ademais das bonificacións ao gasóleo-  cumpriu e aprobou un paquete de axudas duns 360 millóns de euros para o sector agrario. Deles, 169 son especificamente para o sector lácteo e 193 para o resto do sector agrario e gandeiro. Neste contexto, o sector produtor de leite de vaca recibirá 124 millóns de euros, dos que “Galicia será unha das grandes beneficiadas”.

Tamén se repartirán os 193 millóns habilitados para o resto de sectores, con 65 millóns procedentes de Europa e que son complementados con 128 millóns do Estado, o que supón un 200% máis que a Unión Europea.

Por iso, “cómpre agora que a Xunta de Galicia diga e publique canto vai poñer de fondos propios para axudar aos sectores agrarios e a onde quere dedicalos” porque “a día de hoxe o goberno galego dedicou cero euros en axudas directas ao sector agrario”. Ademais, fronte as críticas do PP pola suposta tardanza, lembrou que entre axudas aos produtores de leite e de carne, Galicia sumará máis de 67,2 millóns de euros en axudas. “Parte deles”, afirmou, “están xa no peto dos gandeiros galegos”, que a día de hoxe “non recibiron nin un só euro da Xunta e nin saben se o van facer”.  

En paralelo, o deputado socialista explicou que o goberno central conseguiu que a UE flexibilizase determinados requisitos da PAC, como que as terras en barbeito se puidesen cultivar para mellorar o nivel de abastecemento. Tamén se flexibilizaron algunhas condicións para importar millo e facilitar a entrada de materias primas destinadas á alimentación animal.  

Por iso, a iniciativa do grupo Socialista tamén demandaba establecer un plan de apoio a aqueles que desexen empregar terreos a barbeito para a produción de cereais ou impulsar con maior orzamento as medidas para aumentar a nosa superficie agraria útil, contempladas na Lei de recuperación de terra agraria. Finalmente estas propostas foron retiradas en aras do pleno consenso en torno ás axudas directas da Xunta para o sector e co espírito, salientou Martín Seco, de “que lle transmitamos unha boa mensaxe ao mundo do campo”.