Socialistas de Arteixo

View Original

O Partido Popular rexeita as demandas presentadas polo deputado Martín Seco para a mellora e ampliación do Porto de Malpica

O parlamentario socialista insta a Portos de Galicia reforzar a seguridade da dársena por entender que é fundamental para evitar os continuos accidentes e soster a principal actividade económica da localidade

O deputado do Grupo Socialista Martín Seco esixiu hoxe ao goberno da Xunta unha solución para mellorar o dique de abrigo do porto de Malpica, petición que foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido Popular. O representante socialista defendeu esta iniciativa parlamentaria por considerala fundamental para reforzar a seguridade do peirao, esencial nunha vila tan dependente da pesca.

Seco sinalou que esta mellora sería “esencial para un impulso á actividade económica” e un “cambio substancial” para a vila de Malpica, polo que lle reclamou ao goberno galego que “aposte pola ampliación do dique de abrigo”, xa que, sería a “mellor solución para o porto”. Engadiu que a localidade necesita desta actuación “polo ben dos mariñeiros, da economía local e polo ben dun pobo, da súa seguridade e da súa economía”.

O parlamentario explicou que a ampliación do dique de abrigo sería un “impulso para as capacidades económicas” de Malpica e faría un “porto de referencia” en Galicia, mellorando a seguridade nunha instalación que, en 2018, se cobrou unha vítima mortal. Sinalou que esta petición é “un investimento industrial para o concello de Bergantiños”.

Reclamou unha “aposta real” polo porto, que permitiría recuperar emprego e aumentar a riqueza da vila, aproveitando unha situación xeográfica privilexiada grazas á boa saúde dos bancos de pesca dos que dispón nas proximidades. Malpica, dixo, “é o maior porto pesqueiro de baixura da Costa da Morte”, unha infraestrutura esencial nunha viña “de gran tradición mariñeira”.

A petición desta mellora foi rexeitada pola maioría do Partido Popular, castigando á vila de Malpica que precisa de unha solución fundamental para a seguridade e impulso económico da localidade. Facendo referencia ao anuncio de onte da presidenta de Portos de Galicia, o deputado socialista destacou que “cinco anos despois seguimos con estudos, medicións, fotos co actual alcalde e unha suposta implicación do goberno galego” que segue sen frutificar en inversións reais.