Socialistas de Arteixo

View Original

O grupo socialista rexeita o proxecto de Lei de Calidade Alimentaria: “ Deberan cambiar o modelo actual de amiguismo e clientelismo pola defensa da calidade dos nosos produtos”

Martín Seco advirte á Xunta que o texto normativo que presenta o goberno galego “non pon mecanismos que faciliten a competitividade e o funcionamento” das nosas marcas diferenciadas e dos produtos de proximidade.

O voceiro de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista, Martín Seco, reclamou hoxe á Xunta que “cambie o modelo actual de clientelismo e amiguismo” por outro no que “se defenda a calidade dos nosos produtos agroalimentarios con transparencia e igualdade de oportunidades para todos os operadores”.

Na defensa ante o pleno do Parlamento da emenda de devolución do proxecto de lei de calidade alimentaria, o deputado do PSdeG argumentou que o texto normativo que presenta o goberno galego “non pon mecanismos que faciliten a competitividade e o funcionamento” das nosas marcas diferenciadas e dos produtos de proximidade, tales como os amparados polas denominacións de orixe protexidas ou polas indicacións xeográficas protexidas.

“Queremos unha norma que facilite e non dificulte”, remarcou Martín Seco, para quen “Galicia debera aspirar a ser unha potencia” na valorización dos indicadores de calidade e contar para iso “co apoio da Xunta”. Así mesmo, requeriu “esforzo” ao goberno galego para fomentar a transformación dos produtos e acadar deste xeito un maior valor engadido para a produción agroalimentaria.

E é que, como sinalou o deputado socialista, os datos amosan como, a pesares da “calidade” dos nosos produtos, a industria agroalimentaria galega non viu aumentar o seu valor engadido bruto dende o ano 2008. “Mentres en España esta industria engade un euro de valor engadido bruto na produción agraria por cada euro, en Galicia só engade 0,57 euros”, advertiu.

Do mesmo xeito, subliñou que os datos da balanza comercial alimentaria de Galicia reflicten como pasamos do equilibrio no ano 2011 a un saldo negativo duns 600 millóns de euros no 2020 -mentres España presentaba un saldo positivo de máis de 11.000 millóns de euros- e a acumular no primeiro semestre deste ano un dato negativo de 266 millóns de euros.

Neste punto, Martín Seco reprobou a “inacción” do conselleiro de Medio Rural á hora de dinamizar as 34 marcas de calidade que ten Galicia no canto de “derrochar fondos en propaganda, cemento e contratacións sen publicidade nin concorrencia competitiva”.

Aludiu así aos gastos millonarios no “novo Gaiás de Sergude” mentres “os centros de investigación esmorecen” e “seguimos cunha preocupante perda de superficie agraria útil” ou á adxudicación opaca de “miles de euros en contratos menores, como o de Mercaproximidade e o do Superfeirón” mentres non hai axudas para a agricultura ecolóxica.

 OUTRO MODELO

Neste escenario, o socialista cuestionou a necesidade dunha nova lei de calidade agroalimentaria cando apenas se desenvolveu a lei de 2005. “Vai servir para algo máis que para a súa busca continua de titulares?”, inquiriu.

Fronte a isto, reclamou un estudio sobre o funcionamento da lei en vigor que permita paliar “os erros e dificultades” da súa aplicación. Do mesmo xeito, engadiu que faría falta desenvolver mecanismos para ter unha administración “máis áxil” na súa relación co sector e asumir funcións hoxe en día están asumindo os consellos reguladores.

A modo de exemplo, Martín Seco indicou que o proxecto de lei prevé a creación dun sistema de certificación da calidade voluntario e que a elaboración das normas terá que ser sufragado polos consellos reguladores, cos custes que isto implica. “Podería realizar estas funcións o Agacal”, contrapuxo, ao tempo que criticou que no ámbito da inspección e o control “ábrese a porta a privatización” cando “debera facerse con persoal propio”.

CHAMAMENTO Á PAZ

O socialista Martín Seco comezou a súa intervención ante o pleno do Parlamento de Galicia cun “chamamento á paz e á convivencia” e reclamando “un cese inmediato dos inxustificados ataques que está sufrindo a poboación palestina” por parte do exército israelí. “Non podemos seguir calados ante a barbarie que está acontecendo”, remarcou.