Martín Seco reclámalle ao goberno galego que cumpra o prometido en marzo con axudas directas de fondos propios da Xunta para os subsecotres gandeiros de carne
O deputado socialista reivindica unha aportación “complementaria e da mesma cantidade que o que lles dedica o Estado aos produtores galegos”.
O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle ao conselleiro do Medio Rural que habilite axudas directas para os subsectores gandeiros da carne. Seco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que cumpra o prometido e poña en marcha unha liña de axudas “complementaria e da mesma cantidade que lles dedica o Estao aos produtores galegos”.
O responsable socialista lembra que Galicia foi a autonomía máis beneficiada das axudas directas do Estado ao sector lácteo, xa que de 160 millóns para dito sector recibiu 55, dentro dun total de 360 millóns de euros para a gandería. Lembra que, dos 193 millóns restantes, 65 procedían de Europa e 129 do Estado, dos cales Galicia percibe 12 millóns e que deberan complementarse con fondos propios da Xunta, tal e como prometera o goberno galego.
Martín Seco desmentiu que o Estado prohiba usar fondos propios para complementar as axudas, tal e como está a soster o goberno galego e o PP “intentando confundir á cidadanía con mentiras”, cando o decreto das axudas subliña precisamente a compatibilidade das axudas.
O parlamentario socialista sinalou como proba as axudas habilitadas pola Deputación da Coruña, gobernada polo PSdeG, que sen ter competencias en gandería concedeu axudas con fondos propios por valor de 3.000 euros para cada solicitante dos sectores agrario, pesqueiro e do transporte.
Esta liña de axudas “demostra a legalidade da utilización de fondos propios, tal e como está recollido no Real Decreto 6/22” de medidas urxentes fronte ás consecuencias da guerra de Ucraína.