Socialistas de Arteixo

View Original

O deputado socialista Martín Seco acusa á Xunta de “escaquearse” de cumprir co compromiso de axudar á tenreira suprema con fondos propios

O parlamentario acusa ao goberno galego de parapetarse detrás dos fondos europeos para evitar poñer “nin un só euro” para axudar a un sector en risco de supervivencia

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista Martín Seco, acusou hoxe á Xunta de parapetarse detrás dos fondos europeos para “escaquearse” do seu compromiso de axudar á tenreira galega suprema con fondos propios. Seco presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura do Parlamento na que lle esixiu ao goberno galego que cumpra co compromiso acadado cos produtores antes das eleccións municipais.

O responsable socialista explicou que o goberno galego é “o único do Estado que non tocou o seu orzamento para axudar ao sector primario”, e reclamoulle que “non volvan acudir aos fondos europeos do PDR”. Explicou que os fondos comunitarios “xa son do noso sector agrario”, e sinalou que as axudas da Xunta deben ser engadidas a maiores destas partidas.

Lembrou o compromiso acadado polo conselleiro do Medio Rural logo das mobilizacións dos produtores, que protestaban diante da delegación da Xunta en Lugo acompañados polos máximos representantes do PP de Lugo contra o seu propio goberno. Daquela se comprometera a habilitar 12 millóns de euros de fondos propios en axudas directas para complementar o prezo dos tenreiros cun euro por quilo.

Esta axuda debera chegar no ano 2023, sería prorrogada durante dous anos e a darían por quilo de carne certificada dentro da indicación xeográfica de tenreira galega suprema. Sen embargo, a setembro aínda non hai novas destas axudas por parte do goberno galego, máis alá de que despois das eleccións municipais rexeitaron unha proposta socialista do mes de xullo pedindo unicamente que cumpriran co seu compromiso.

Lamenta que “a credibilidade do goberno galego é nula”, logo de que demostrara que o único que pretendía era utilizar os problemas dos gandeiros galegos para sacar rédito electoral no seu intento falido de cambiar o goberno da Deputación de Lugo.

Criticou que nin a pandemia nin a crise de prezos derivada da invasión de Ucraína motivaran ao goberno galego a poñer enriba da mesa recursos propios para o sector, mentres o Estado conseguía 68 millóns de euros procedentes de Europa en axudas directas para os gandeiros, ademais de bonificacións aos fertilizantes, rebaixa por combustible e reducións fiscais.

En marzo do ano pasado, dixo, mentres a UE habilitaba 65 millóns de euros e o Estado destinaba outros 128 millóns, a Xunta de Galicia “poñía cero euros de fondos propios para axudar ás explotacións do noso país”. Ao mesmo tempo “intentaban disfrazar o incumprimento dicindo que a normativa non o permitía”, algo que “é falso”, como demostraron outras administracións autonómicas e locais.