Socialistas de Arteixo

View Original

O deputado Martín Seco sinala que o orzamento de Medio Rural é “continuísta” cunha “mediocre xestión” dun departamento que “segue a perder peso no goberno galego”

O portavoz socialista de Medio Rural lamenta que a Consellería perpetúe un ano máis o desmantelamento do rural, sen actuar fronte ao despoboamento, envellecemento e abandono.

Reivindica tamén un modelo de prevención e extinción de incendios forestais “único, profesional, estable, formado e equipado”

O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, dixo hoxe que o Orzamento da Consellería de Medio Rural é “continuísta” cunha “mediocre xestión” que fracasa ao non poñer en marcha a necesaria discriminación positiva do rural. Seco interveu na comparecencia do conselleiro de Medio Rural na Comisión de Orzamentos do Parlamento para presentar as contas deste Departamento para o próximo ano.

Seco sinalou que o rural galego se atopa lonxe da “situación idílica” polos datos “nefastos” de despoboamento, envellecemento e abandono das actividades agrarias, sumando ano a ano as peores cifras demográficas sen que o goberno galego faga máis que “desmantelar” os servizos públicos do rural. Advertiu que a falla de políticas de activación do rural nos gobernos de Feijóo e Rueda “non se van corrixir sen iniciativa, xestión e un orzamento e planificación axeitadas”.

Advertiu da perda de peso relativo da Consellería do Medio Rural no Orzamento da Xunta de Galicia, xa que medra a metade do incremento dos orzamentos do goberno galego, o que “segue a falar desa falla de discriminación positiva” polo medio rural. En realidade, sinalou que a Consellería ten perdido o 24 por cento do orzamento real comparado cos programas da Consellería do Medio Rural do goberno do socialista Pérez Touriño en 2009.

Así, o Orzamento para o próximo ano reduce o programa de implantación de sistemas produtivos agrarios sustentables en 7,2 millóns de euros, as accións preventivas e infraestrutura forestal en un millón de euros, a modernización e diversificación do tecido produtivo rural en 400.000 euros e o fomento do asociacionismo agrario cae 240.000 euros.

Dixo que a receita do desastre complétase cun baixo grao de execución orzamentaria inasumible para o desenvolvemento do medio rural, deixando 174 millóns de euros do orzamento do ano pasado sen executar, cando en concreto no programa de dinamización económica só executaron o 61,9 por cento dos orzamentos.

O parlamentario socialista apuntou que con estes vimbios Galicia ten perdido un total de 30.000 postos de traballo no sector agrario dende o ano 2008 nun sector rural que hoxe ten 60.000 habitantes menos que hai 15 anos, segundo advirte o Consello Económico e Social.

Política Forestal

O parlamentario socialista reivindicou un dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais “único, profesional, estable, formado e equipado con dependencia directa da Consellería”. Sinalou que o Orzamento para 2024 segue sen incorporar as partidas necesarias para mellorar a estabilidade laboral do persoal con contratos precarios de seis meses, e tampouco reformulan o modelo de brigadas preventivas constituídas polos concellos e conveniadas coa Consellería.

Seco advertiu que a caída de brigadas constituídas, que pasaron das 263 en 2016 ás apenas 151 rexistradas este ano 2023 evidencia “o fracaso do modelo” imposto e perpetuado polo goberno galego, superado pola realidade dos incendios forestais, como o que veu de arrasar 2.300 hectáreas no Concello de Trabada en pleno mes de outubro.

Dixo que o Orzamento “tampouco soluciona a necesaria e urxente planificación e ordenación dos recursos forestais” de Galicia, que poña orde aos distritos forestais actuais de forma acaída á realidade dun país no que o 97 por cento das hectáreas forestais son de propiedade privada, e dentro destas o 30 por cento responden a un modelo de propiedade colectiva.