O deputado Martín Seco denuncia no Parlamento de Galicia a eucaliptización das brañas de Loira e da Serra, entre os concellos de Santa Comba e Coristanco
O grupo parlamentario socialista urxe a Medio Rural a acelerar a actuación diante da plantación descontrolada desta especie incumprindo a prohibición imposta pola Xunta dende o ano pasado.
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha pregunta oral na Comisión de Medio Rural do Parlamento para denunciar a eucaliptización das brañas e da Serra, na parroquia lugar de Castriz, entre os concellos de Santa Comba e Coristanco. Reclámalle “premura” á Xunta para actuar diante deste feito producido cando xa estaba en vigor a prohibición imposta pola Xunta, e que foi denunciado por Ecoloxistas en Acción.
O responsable socialista alerta deste “delito ecolóxico que se está a levar a cabo ante os ollos das autoridades medioambientais e forestais do goberno galego”, sen que teñan tomado ata o momento ningunha medida para evitalo ou restaurar o dano causado. Lamenta que Patrimonio Natural, en lugar de tomar cartas no asunto, teña respondido con lentitude á denuncia, que tamén foi presentada diante de Medio Ambiente e na Garda Civil.
Seco explica que a normativa da Xunta supostamente fixa un prazo ata o 31 de decembro de 2025 no que a reforestación con especies de eucalipto unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo constituíra unha masa pura ou mixta dominante desta especie, e cando as plantacións anteriores se fixeran de acordo coa normativa.
Non é o caso destas brañas, explica, xa que a plantación de eucaliptos inclúe parcelas nas que se conservara o brezal, outras nas que coexiste con plantacións de pino de hai máis de 15 anos, un terceiro grupo nas que “hai anos que se arrasou o brezal para plantar eucaliptos ou acacias”, e un cuarto que “foi arrasado nos últimos 5 anos para realizar plantacións masivas ilegais de eucaliptos”. Un quinto grupo conforma parcelas de pradarío ou terreo mixto sen plantacións.
O responsable socialista alerta de que esta zona contaba cunhas brañas de enormes dimensións, que “en lugar de estar protexido pola administración autonómica, a realidade é que se está a converter nun eucaliptal, con parcelas enormes drenando a auga existente para logo poñer planta de eucalipto e outras coa plantación xa realizada”.
Explica que a protección das brañas e turbeiras “é esencial na loita contra o cambio climático”, xa que con só o 3 por cento da superficie do planeta, estas turbeiras acumulan o 30 por cento do CO2, polo que a súa conservación resulta “absolutamente fundamental na loita contra o cambio climático”.