O deputado Martín Seco considera “incomprensible” a renuncia da Xunta a 4,3 millóns de euros para protección do gando por rexeitar a estratexia de xestión do lobo
O portavoz de gandería do grupo socialista esixe axudas adicionais do goberno galego logo de ser a única Comunidade Autónoma do Estado xunto con Madrid que quedaron fora deste acordo.
O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, cualificou hoxe de “incomprensible” a renuncia da Consellería de Medio Ambiente a asinar a Estratexia de Xestión do Lobo, que deixou a Galicia sen 4,3 millóns de euros de axudas para protección do gando e indemnizacións para os gandeiros. Seco presentou unha pregunta en Comisión parlamentaria para reclamarlle á Xunta que dispoña de axudas adicionais para as explotacións gandeiras.
O responsable socialista lembrou que Galicia foi a única Comunidade Autónoma do norte que se descolgou do acordo, e en todo o Estado será a única que non recibirá os fondos, ademais de Madrid, que presentou a súa solicitude de adhesión fora de prazo. Lembrou que a súa participación na estratexia “non impedía que o goberno galego puidera seguir co seu posicionamento en contra, pero habilitaba unhas axudas fundamentais para os gandeiros”.
Criticou que a Consellería “renuncia” a estas axudas ao tempo que “segue sen tomar medidas efectivas para xestionar a especie e axudar aos gandeiros coas perdas reais” que esta produce, dedicando apenas 1,75 millóns de euros, absolutamente insuficientes segundo as organizacións agrarias. Acusou á Xunta de “dimitir das súas competencias”, cun plan de xestión do lobo sen renovar dende 2008 e unhas axudas absolutamente desactualizadas e insuficientes.
Dixo que o Executivo leva 14 anos sen xestionar a especie, e agora “buscan tristes desculpas” para opoñerse á estratexia alegando unha suposta prohibición á extracción de lobos, obviando que hai dez anos que en Galicia non se realizan extraccións de lobos. Lembra que coa extensión da protección do lobo ao territorio nacional “incorpórase nestes territorios a obriga da administración a indemnizar os danos por responsabilidade patrimonial”.
Seco explicou que segundo os datos da Xunta esta Comunidade Autónoma conta con 93 grupos reprodutores de lobo, o 30 por cento do total de España, e cada ano se producen 3.200 baixas de cabezas de gando, das que unicamente se declaran arredor de 2.400 polas trabas burocráticas, provocando unhas perdas inasumibles que fan inaprazable a axuda do goberno galego.