Martín Seco responsabiliza a Xunta e Concello de manter as liñas de alta tensión sobre a urbanización Solymar de Arteixo
O deputado socialista aféalle ao PP que vote en contra dunha proposta para que a Xunta e a empresa subministradora da enerxía cofinancien o traslado das liñas que transcorren a 10 metros das vivendas.
O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, responsabilizou hoxe á Xunta e ao Concello de Arteixo do mantemento das liñas de alta tensión a 10 metros das vivendas da urbanización Solymar, na parroquia de Oseiro -Arteixo-. Lamentou que o PP se negase a apoiar unha proposta na Comisión de Industria para reclamarlle á Xunta que cofinancie o traslado das lixas xunto coa empresa subministradora da enerxía.
Seco advertiu que logo de décadas de convivir con estas liñas de alta tensión e de 12 anos de promesas incumpridas por parte do alcalde do PP e do goberno galego, os 1.500 residentes na urbanización “necesitan feitos que fagan realidade as promesas realizadas polo seu mandatario”. Apuntou aos responsables do Concello e da Xunta, “independentemente de quen goberne”, para “darlle solucións” á cidadanía.
Sinala que “o Concello de Arteixo e a Xunta de Galicia foron os responsables de que esta problemática exista e agora teñen a obriga de actuar para afastar a infraestrutura eléctrica do entorno vital de tantos e tantas veciñas de Arteixo”. Alerta de que, segundo a plataforma de afectados, as liñas están relacionadas cos problemas de cancro, ansiedade e problemas hormonais rexistrados, xa que incumpren a distancia mínima de 200 metros requirida pola OMS e a UE.
Lembra que a urbanización foi construída entre os anos 1980 e 1995 cando xa estaban as liñas instaladas, e que a Xunta adquiriu os bloques máis próximos para destinalos a vivendas sociais. O Concello comezou o século prometendo a trasladar o tendido, pero deixaron prescribir en dúas ocasións o convenio asinado coa Xunta e a empresa subministradora de enerxía.
En 2008 chegou un goberno socialista en minoría que chegou a un principio de acordo coa Consellería de industria, pero que foi paralizado pola chegada de Feijóo á Xunta, e o actual alcalde do PP, Carlos Calvelo, chegaba á alcaldía en 2011 prometendo o desvío das torres de alta tensión, unha promesa que foi esvaecendo ata que nesta última campaña electoral a deixou de lado.
Seco acusou ao alcalde de iniciar unha “fuxida cara diante” ao reclamarlle agora o financiamento a Red Eléctrica cando o Concello conta con 70 millóns de euros de orzamento e decenas de millóns de remanente nas súas arcas.