Martín Seco reivindica uns orzamentos “con discriminación positiva” para o rural e responsabiliza á Xunta da deficiencia de servizos públicos na Galicia interior
O deputado socialista censura o deleixo de Madio Rural mentres “cada día que pasa a Galicia rural agranda os problemas de despobiamento e avellentamento”.
Martín Seco censura o desleixo de Medio Rural mentres “cada día que pasa a Galicia rural agranda os problemas de despoboamento e avellentamento”
Critica o “continuísmo” nos orzamentos en materia de prevención e extinción de incendios forestais e urxe a profesionalizar a loita contra incendios e reformular o plan forestal
O portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe a falla dun orzamento con discriminación positiva ao rural e sinalou que as contas presentadas hoxe polo conselleiro do Medio Rural perpetúan a deficiencia de servizos na Galicia interior. Seco interveu na comparecencia do conselleiro para presentar os Orzamentos para 2023, nos que reclamou a reformulación do plan forestal e profesionalizar a loita contra incendios.
O responsable socialista sinalou que “cada día que pasa, a Galicia rural agranda os problemas de despoboamento e avellentamento”, aos que o goberno galego responde “desmantelando os servizos públicos”. Subliñou que “ano tras ano” a sanidade no rural “é de peor calidade”, ata o punto de que a xerente o Sergas vén de anunciar a perda de servizos de Pediatría, e cando cada ano hai “menos profesores e máis colexios pechados”, e unha atención aos maiores “deficiente”.
Seco sinalou que o despoboamento é consecuencia de “décadas de gobernos do PP caracterizados pola falla de políticas de discriminación positiva cara o noso interior”. Reclamoulle ao conselleiro que empreguen os orzamentos para recuperar os servizos e tamén a actividade no rural, logo dun “cambio de criterio” para recuperar superficie agraria útil e actividade no rural, que “non se van conseguir se non os acompañan de orzamento e planificación axeitada”.
O parlamentario socialista urxiu ao goberno galego a aproveitar o ciclo de investimentos expansivo no estado, aumentando as transferencias a Galicia, para apoiar aos sectores produtivos máis vulnerables. Afeoulle ao PP que siga instalado na “oposición destrutiva” e buscar calquera escusa para confrontar co Estado, mesmo renunciando a dispoñer de 4 millóns de euros do Estado para axudar aos gandeiros fronte aos danos do lobo só porque “prefiren confrontar co Estado”.
Reivindicou unha política activa de estruturas e de ordenación do territorio para frear o abandono de terras que encamiña ao sector agrogandeiro ao un lento esmorecemento. Sinalou que a rama do emprego con maior descenso de afiliacións á Seguridade Social é precisamente a agricultura e a gandería, cunha caída do 3,4 por cento, afectando sinaladamente ás mulleres, e con xa máis de 2.000 núcleos rurais abandonados e máis de 10.000 aldeas con menos de 10 veciños rexistrados.
Incendios forestais
O parlamentario socialista advertiu que os Orzamentos de Medio Rural para o próximo ano “perseveran no erro” de manter a mesma política de xestión dos lumes forestais que provocou unha das peores vagas de lumes co incendio máis grande rexistrado ata o momento en Galicia. sinalou que as subvencións a investimentos en materia de prevención de incendios é “o mesmo que no ano 2022”.
Alertou, que lonxe de reforzas, o goberno galego reduce as partidas para “actuacións preventivas” para mitigar os incendios de sexta xeración, reducindo ademais un 9 por cento as axudas para creación e mellora de masas forestais, e unha redución do 70 por cento en estudos e programas de formación da dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
Martín Seco reclamou a mellora da profesionalización da loita contra incendios, reducindo a temporalidade e mellorando a coordinación das persoas traballadoras e dos medios de loita contra o lume, reformulado o modelo de brigada municipais. Alertou de que con estes orzamentos o Plan Forestal segue a ser “papel mollado”, e reclamou “planificar antes de xestionar, e respectar o planificado”, cunha xestión que integre aos sectores agrario, gandeiro e forestal.
Defendeu unha política dirixida a estruturar o territorio, tratando a todos os produtores por igual, desenvolvendo os plans de ordenación dos distritos e apoiando tanto a produción como a conservación. En definitiva, reivindicou unha “verdadeira aposta polos sectores produtivos e un impulso da industria de transformación dos produtos primarios” en Galicia, cunha política forestal encamiñada á planificación equilibrada do territorio