Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco reclámalle á Xunta que garanta a atención ao alumnado con necesidades especiais de Bergantiños diante do peche do centro de ASPABER en Carballo

O deputado socialista acusa ao PP de poñerse de perfil ao rexeitar esta proposta, que supón “tomarlle o pelo aos afectados e a tódolos veciños de Bergantiños e da Costa da Morte.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023. O parlamentario socialista Martín Seco acusou hoxe ao PP de “tomarlle o pelo” aos veciños e veciñas de Bergantiños e da Costa da Morte, e sinaladamente aos afectados polo peche do centro de educación especial de Aspaber en Carballo. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra do PP á iniciativa que presentou hoxe no Parlamento para reclamarlle á Xunta que garanta a atención ao alumnado con necesidades especiais da comarca.

Seco acusou ao PP de “poñerse do lado dunha administración autonómica que abandona e non da solucións ás problemáticas dos seus cidadáns” no canto de poñerse a favor dos veciños e veciñas afectados polo peche deste centro, o único da comarca, que deixará de prestar servizo en agosto. Lamentou o voto en contra do PP, o mesmo que no Pleno do Concello contra unha iniciativa do PSdeG, que daquela si que foi aprobada grazas aos votos dos socialistas e os nacionalistas.

Lembra que o centro de Aspaber é concertado coa Consellería de Educación, que ten a responsabilidade de “garantir que os mozos e mozas conten co apoio” para asistir a un centro educativo, o que convirte o peche das instalacións nun “fracaso” do goberno galego. Reclamoulle que atenda ás demandas das familias dos usuarios, que piden “solucións reais e xustas” para garantir a continuidade dun centro de educación especial na comarca.

Afeoulle ao PP e ao goberno galego que poñan toda a responsabilidade da situación en Aspaber, cando a competencia é propia do goberno galego, e a asociación “o que facía era asumir o que non fai o goberno galego, que é ofrecerlle uns servizos de calidade aos cidadáns con diversidade funcional”.

Sinalou que “a xente de Bergantiños e da Costa da Morte non pode desprazarse ata Santiago, á Coruña ou Ferrol no caso de que, con sorte, queden prazas libres en centros sostidos con fondos públicos” para continuar a escolarización dos rapaces “fora do seu contorno vital”.

O responsable socialista aludiu ao proxecto dun novo centro privado que, dixo, “non rexeitamos, e esperamos que saia adiante como complemento e reforzo da oferta pública”, pero advertiu que “a solución non pode ser que toda a oferta educativa sexa privada”.