Martín Seco reclámalle á Xunta que convoque unha mesa de traballo coa FEGAMP para acordar un protocolo de actuación pola presenza do xabaril en zona urbana
O deputado socialista tilda de “parche” a emerxencia cinexética e esíxelle ao goberno galego que poña a disposición dos concellos os recursos e persoal propios para facerlle fronte.
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou que o PP teña votado hoxe en contra dunha proposta parlamentaria na que lle pedía que convocara unha Mesa de traballo coa Fegamp para acordar un protocolo de actuación para actuar fronte á presencia do xabaril en zona urbana. O responsable socialista advertiu que a declaración de emerxencia cinexética constitúe un “parche” que evidencia o desleixo da Xunta.
Seco presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura do Parlamento para reclamarlle á Xunta que puxera a disposición dos concellos os recursos e persoal especializado dos que dispón para facerlle fronte a esta situación provocada pola “nefasta xestión” desta especie por parte do goberno. Emprazou ao goberno galego a acordar cos concellos como se comunica a aparición de xabarís nas cidades, quen os captura e como se retiran.
Afeoulle ao PP que xustificara o seu voto en contra apelando aos supostos efectos perversos da Lei de Benestar Animal “facéndose eco de bulos publicados nas redes sociais contra unha norma que leva días aprobada e que nin sequera entrou en vigor”. Esixiulle en definitiva ao goberno galego que “asuma a súa responsabilidade ante a presenza do xabaril en territorio urbano” e deixe de “botar balóns fora” deixando aos concellos en soidade e sen os recursos necesarios.
Criticou que intenten “derivar parte da xestión e do gasto” cara aos concellos, que “non teñen nin medios nin coñecemento da materia” coa que si conta o goberno galego, que descarga o pago das indemnizacións sobre os efectos da invasión sobre os tecores e sociedades de caza. Puntualizou que “a responsabilidade da indemnización dos danos causados polo xabaril na agricultura debera de recaer na Xunta de Galicia”.
Afeoulle que a única resposta que teñan dado sexa aprobar unha declaración de emerxencia cinexética que constitúe “un recoñecemento tácito do descontrol da poboación destes animais e os efectos destes sobre a agricultura, a gandería e os accidentes de tráfico”. A súa aparición continua nas cidades, engadiu, é síntoma da “nefasta xestión” por parte da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente “nun país que necesita máis prevención e control e menos batidas masivas”.