Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco reclámalle á Xunta que actúe contra a venda de drogas nunha nave da administración autonómica ocupada no barrio de Meicende (Arteixo)

O deputado socialista denuncia o abandono por parte de Medio Rural da propiedade pública, e que o goberno local se desentenda dos problemas da veciñanza.

O deputado e secretario xeral da Agrupación Socialista de Arteixo, Martín Seco, reclamou este venres á Xunta de Galicia contra a venda de drogas que se está a producir nunha parcela propiedade da Adminitración que foi ocupada por persoas que se adican ao tráfico de estupefacientes, segundo denuncias os veciños do barrio arteixán de Meicende no que se ubica.

Na Comisión de Industria e Agricultura do Parlamento de Galicia, o deputado socialista trasladou as queixas da veciñanza ao respecto desta situación ao responsable do executivo autonómico. Seco explicou que se trata dunha vivenda ocupada, contigua a unha parcela pertencente á Consellería de Medio Rural, na que vivían antigamente os traballadores da mesma Administración.

O representante socialista reprochou ao goberno galego que non fagan nada por recuperar a propiedade que foi ocupada ilegalmente e que ten terribles consecuencias para os veciños coa delincuencia derivada do tráfico de estupefacientes. Así mesmo, reclamou que se traballe para dar utilidade a esta parcela ou cedela á administración local para poder aproveitala.

Martín Seco tamén apuntou ao goberno local, xa que recordou que o actual alcalde, o popular Carlos Calvelo, clamaba contra a delincuencia no barrio de Meicende cando estaba na oposición. Sen embargo, a pesar de ter un orzamento de 70 millóns de euros ao ano, sumamente elevado tendo en conta a poboación do concello, non tomou actuacións “para extirpar este mal da vida do barrio”, como sería facer un esforzo en humanizacións e crear zonas verdes, renovar a iluminación e o mobiliario urbano ou mellorar o sistema de patrullas da policía local.

O deputado socialista atribúe este desleixo por parte dos gobernos do PP ao tratarse dun barrio de carácter obreiro, polo que a súa veciñanza sempre tivo que sufrir problemas derivados da delincuencia e o tráfico de drogas sen recibir axuda por parte da administración.