Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco reclama “unha verdadeira política de mobilidade de terras e que os investimentos en aldeas modelo sexan para a loita contra o abandono”

O deputado socialista critica o proxecto de aldea modelo de Cenlle, no que Medio Rural de actuou “baixo criterios arbitrarios tirando miles de euros ao lixo”, dos que só quedan “3 cochos e unha burra”

O portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle á Xunta “unha verdadeira política de mobilidade de terras e investimentos en aldeas modelo ben planificadas na loita contra o abandono”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle que “tiren miles de euros ao lixo” para proxectos “arbitrarios e sen planificar”.

Martín Seco aludiu ao proxecto da primeira aldea modelo de Galicia, en Osmo -Cenlle-, da que a día de hoxe só hai “3 cochos e unha burra” como consecuencia “dunha actuación arbitraria e sen planificar que se demostrou como un mero anuncio publicitario”. Daquel proxecto de produción agraria, dixo, “non queda nada” máis que o resto dun proxecto fracasado que deixou “un furado nas contas municipais”.

No ano 2019, lembrou, o goberno galego seguiu o exemplo do “baltarismo ourensán” facendo unha adxudicación “a dedo” facturando por un lado 38.000 euros de execución e polo outro 11.600 en materiais para facer un contrato menor e adxudicalo de forma directa, que “non pode exceder dos 40.000 euros”.

No mesmo concello, en 2020 asinaban un convenio para rehabilitar tres edificios tradicionais adquiridos pola Xunta, polo que o concello contratou o proxecto e licitou a obra, pero a finais de 2021 foi paralizada polo abandono da empresa concesionaria.

Agora vimos de coñecer, dixo, que “o goberno galego contrata outra vez a dedo un plan de dinamización da aldea modelo de Osmo por 18.000 euros” para unha exposición permanente. Preguntou “de que serve o gasto público en museos e actuacións turísticas se merman a calidade da educación, recortan os servizos sanitarios, reducen as posibilidades de mobilidade e non dan resposta ás necesidades de conciliación das familias e ao coidado dos maiores”.