Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco: “O balance da política industrial do goberno galego é claramente negativo” 

O deputado socialista sinala a perda de peso do sector galego no conxunto da industria española, tanto en termos de volume de produción como de emprego.

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, sinalou na derradeira Comisión de Industria desta lexislatura a perda de peso do sector galego no conxunto da industria española, tanto en termos de volume de produción, como en termos de emprego. “A 4 días do final de lexislatura o balance da política industrial do goberno galego segue a ser claramente negativo”

En contraposición á falla de iniciativas do goberno popular, Seco lembraba a petición dende o inicio da lexislatura  dun “pacto pola industria” que salvagardara eventuais e futuros cambios políticos no noso país, con vocación de estabilidade, permanencia, certeza, e compromiso orzamentario, coa participación da administración local e os axentes sociais.

“Un pacto contra o que o partido popular votou sistematicamente en contra” sinalaba o deputado socialista, ao tempo que insistía en “tampouco fixeron nada por poñer en marcha iniciativas que reactivaran o noso sector industrial” 

No seu balance Seco enumerou algunhas das promesas do PP en materia de industria que quedaron no caixón como a “Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0” que data do 13 de maio de 2015 e que a Xunta calificaba como “un dos eixos fundamentais de desenvolvemento da súa política económica co obxectivo de fixar tecido industrial en Galicia consolidando o crecemento”.

Lembraba así as dúas metas principais da axenda ata o 2020 como o crecemento do sector industrial ata significar un 20 % do PIB galego e a creación de 50.000 novos postos de traballo na industria. “Uns obxectivos totalmente incumpridos e que ademais foron a peor” insistía o parlamentario socialista.

En contraposición, Seco instou ao goberno galego a actuar dentro das súas competencias en materia industrial para captar e impulsar novos proxectos de innovación e incrementar os fondos para a investigación e desenvolvemento, “reformulando o funcionamento do Igape” como un apoio esencial ás industrias existentes ou que desexan implantarse no territorio.