Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco esixe a inminente construción do polígono industrial de Coristanco “ tras 20 anos de promesas incumpridas do PP”

O deputado socialista asegura que o alcalde e o goberno do PP quedaron “retratados” co seu incumprimento no 2019

O voceiro de industria do grupo socialista, Martín Seco, esixiu este mércores no Parlamento que o goberno galego leve a cabo a construción do Polígono Industrial en Coristanco que “levan prometendo os últimos vinte anos” , cun incumprimento que retrata ao seu alcalde como o goberno galego.

O socialista trasladou á comisión de Industria unha proposición non de lei para reclamarlle á Xunta que leve a cabo esta obra que prometeu da man do alcalde de Coristanco en diversas ocasións. O propio alcalde aseguraba en xuño de 2019 que se non se facía esta obra “quedaría retratado ante os veciños”, polo que Seco confirmou que así quedou, “retratado”.

Unha obra á que xa se comprometera Carlos Negreira no 2009, responsable provincial do PP naquel entón, e o propio Feijóo como presidente da Xunta no 2019. No seu “incumprimento”, Seco preguntou ao representante popular na comisión se eles actuaron “con descoñecemento ou mala fe” á hora de facer esas promesas.

Para Martín Seco isto redunda nun “auténtico fracaso de lexislatura” para o alcalde de Coristanco, acumulando un novo paso no “abandono constante” das comarcas de Bergantiños e a Costa Atlántica que fai que o PP non sexa crible cando van a pedir o voto.

Instou aos representantes do PP a que apoien esta reclamación que a Xunta constrúa unha “infraestrutura imprescindible” para un concello que ve como se perden oportunidades que si están a aproveitar os concellos veciños do eixe A Coruña – Arteixo - A Laracha – Carballo.

Seco ten claro que “as promesas do PP en Coristanco son meras promesas incumpridas” cun territorio que sofre a “falla de compromiso” da Xunta que deriva na perda de 17 empresas entre 2019 e 2022, 10 das cales pertencían ao sector da industria.

No relativo á propia infraestrutura, reivindicou que o lugar elixido consta de unha boa ubicación e boas infraestruturas viarias para darlle conectividade, pero fallan a “iniciativa e compromiso” do goberno galego, así como “presión” á Xunta por parte do goberno local e o PP de Coristanco, que teñen que levar a cabo dende o grupo municipal socialista en dito municipio.

Nos orzamentos autonómicos para 2023 hai unha partida “ínfima” de 212.000 euros para este polígono, o que Martín Seco interpreta como unha cifra “claramente insuficiente”. Por iso, cre que o poñen no orzamento para “dicir que se vai a facer” con vistas á campaña electoral, “para que logo quede no esquecemento, unha vez máis”.