Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco empraza á Xunta a “espertar” e “poñer toda a carne no asador” para activar un plan de acción industrial para superar o retraso económico dos 13 anos de xestión do PP

O deputado socialista denuncia que a “pasividade” do goberno galego provocou a saída de máis de 1.000 empresas nos últimos dez anos.

O portavoz de Política Industrial do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle ao goberno galego “que esperte” e desenvolva un plan de acción industrial para “paliar os retrocesos da produción industrial en Galicia e o abandono de empresas do noso territorio”. Seco presentou unha iniciativa na Comisión de Industria reclamándolle ao goberno galego unha política industrial integral que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista urxiu a “poñer toda a carne no asador para recuperar fortaleza industrial”, logo de 13 anos de retraso económico provocado pola pasividade na xestión do PP. Alertou de que o desleixo do goberno galego en materia industrial provocou a fuxida xeneralizada de empresas de Galicia na última década, ata o punto de que máis de 1.000 sociedades deixaron este territorio dende o ano 2013.

Explicou que entre 2013 e 2019 marcharon 830 sociedades para outros territorios do Estado, outras 113 durante o ano 2021 e outras 46 no primeiro trimestre de 2022. Esta dinámica “sitúa ao país en saldo negativo, xa que marchan máis sociedades das que veñen, e se traduce na perda de 26 millóns de euros mensuais”.

A perda de peso do sector industrial co PP tradúcese ademais na perda dun 0,2 por cento do valor engadido bruto anual das industrias extractivas, manufactureiras e de enerxía, o que supuxo que o Índice de Produción Industrial caera un 2,5 por cento en Galicia só na pasada lexislatura, seis veces máis que no conxunto de España. Ademais, o emprego industrial reduciuse en Galicia un 11,1 por cento ata a saída de Feijóo da Xunta de Galicia.

Seco criticou que tivera que ser o Estado quen conseguira o investimento millonario da navieira danesa Maersk, que xa operaba en Galicia, en concreto no porto de Marín, sen que a Xunta “fixera nada por captar ese investimento”.

O responsable socialista reclamoulle á Xunta que empregue as competencias propias para poñer en marcha un Plan de Acción industrial que aposte por un modelo de desenvolvemento económico que lle dea ao sector industrial a importancia que merece. Reclamoulle ao goberno galego que se poña a disposición das industrias galegas para activar unha “política industrial integral” que conxugue a perspectiva macro con medidas micro e plans sectoriais.

Esixiu unha nova política industrial para que o sector poida chegar a representar o 20 por cento do PIB galego, tal e como sinala a UE, ademais de cumprir co “firme compromiso coa innovación tecnolóxica, promovendo o incremento do investimento en I+D+i tanto no ámbito público como no privado”.